Mais outra vez a vaga de frío resultou ser menos forte do esperado, alomenos pola zona norte do país (semella que ata as alertas xa non son o que eran). Onte pola tarde tiven que cruzar a fronteira provincial para poder ver neve de verdade.
O Xistral, macizo montañoso con altitudes máximas de 1033 (Xistral) e 1056 (Cuadramón) é un lugar onde a neve segue aparecendo regularmente todos os anos, por veces de maneira intensa. A outras serras menores máis próximas a Ferrol coma Forgoselo ou Capelada chega xa moi raramente. Na costa a nivel do mar probablemente xa non a volvamos a ver os que estamos a ler isto.
Sobraban motivos para facer unha visita ao Xistral no meu querido Fiat Sedici 4x4 (que agora emprega ún dos meus irmáns), que vai de marabilla pola neve, aínda que nesta ocasión xa pasara a quitaneves e a estrada estaba moi limpa. Por certo, menos mal que me crucei con ela nun tramo recto; se é nunha curva bótame fóra o moi cafre, que debía pensar que estaba nun circuito.
Fiat Sedici 4x4.
Nesta entrada non vou poñer pés de foto. Todas as imaxes pertencen ao pequeno val que forma o río Landro na aldea do Viveiró (Muras) aos coutos que tiven que pasar para chegar alí desde o porto da Gañidoira e á cordal do Xistral.
Tampouco indico parámetros das tomas, feitas todas coa panasonic G7 máis o Panasonic 14-42 mm f:5,6. As fotos con neve parécenme estremadamente complexas de revelar desde un RAW. Primeiro pola temperatura de cor, que vexo sempre excesivamente maxenta, non sei por qué. E logo polo tema do contraste. Non sei cómo facer cunha escea na que a neve desbarata todo.
Aínda por riba, nas primeiras fotos esquecín que tiña desabilitado o estabilizador de imaxe, logo dunhas tomas que fixera con tripé.
Ao fondo, cordal principal do Xistral. Toma sen estabilizador
Panasonic G7 + Pana 14-42mm f:5,6 ISO:200 V:1/400 F:6,3
O Xistral segue a ser ún dos espazos naturais máis importantes de Galiza polo seu interese faunístico, botánico e xeolóxico (posúen as turbeiras* de cobertor máis extensas de toda a Península Ibérica). Pero a todos os que coñecimos aquilo hai trinta ou corenta anos danos ganas de chorar cando vemos como o desfixeron. Eólicos sen fin, plantacións masivas de eucalipto, quilómetros e quilómetros de pistas (asfaltadas ou non) para chegar ás subestacións e aos propios eólicos. Dá moita pena ver así o que até a década dos oitenta do século pasado era, sen lugar a dúbidas, ún dos espazos naturais máis fermosos e singulares do Estado.
Plantación de Eucalyptus nitens
Nesta breve visita limiteime a circular por cotas baixas e medias, onde se conservan masas de carballos, bidueiros ou acibros (na ladeira sur do Xistral había un acibral puro tremendo hai trinta anos, non sei se aínda existe).
Algunhas das granxas de vacún semellan abandonadas. Unha mágoa. Onde hai vacas hai vida. porén O Xistral mantén aínda unha boa cabana de gando en semiliberdade de vacas e cabalos, que pacen polos montes mesmo en pleno inverno.
A predición anunciaba un descenso na cota de nev a última hora da tarde (de 600 m a 400 m). Comezaban a caer pingas de auganeve eademías néboa. Así pois decidín voltar xa para Ferrol, tomando unhas últimas fotgrafías.
Turbeira nevada
Val do Landro en Viveiró (Muras)
Panasonic G7 + Panasonic 14-42 mm f:5,6 ISO:400 V:1/400 F:6,3
No paso entre os montes de Guriscado e Curuxeira (800 m.snm)
* O termo normativo en galego é "turfeira", mas eu non gosto nada del. Coñezo acepcións locais para ese hábitat, coma "tremoal" ou "tembladeira". Desde o máximo respeito, turfeira paréceme unha criación de tipo técnico que eu respecto, mas con pouca base popular e que me custa caro pronunciar. Neste caso case prefiro unha galeguización rápida do termo español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos