Esta tarde achegueime á lagoa de Valdoviño ao saír do traballo. Foi unha visita breve, simplemente por lle dar uso á Sony RX10 III, que teño un pouco abandonada e vai coller ciúmes da equipa grande.
Anatídeas no intermareal
Sony RX10 III (focal 175 mm equiv.) ISO:64 V:1/400 F:6,3
Anatídeas no intermareal
Sony RX10 III (focal 380 mm equiv.) ISO:100 V:1/320 F:5
A mañá tiña sido moi chuviosa mas nesas alturas do mediodía mesmo saíu algunha raiola de sol. En calquer caso unha luz moi cambiante.
Acuáticas na ribeira leste
Sony RX10 III (focal 60 mm equiv.) ISO:64 V:1/400 F:6,3
O máis marabilloso das cámaras bridge é que podes focar un bicho e, de seguido, abrir focal para facer paisaxe ou encuadrar outras cousas sen ter que cambiar o obxectivo. Agradécese especialmente en días de choiva ou vento; en días ferroláns, vaia.
Cullereiros (Platalea leucorodia)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv.) ISO:64 V:1/1000 F:5,6
Cullereiros (Platalea leucorodia)
Sony RX10 III (focal 190 mm equiv.) ISO:64 V:1/800 F:5,6
Cullereiros (Platalea leucorodia) e garza branca grande (Ardea alba)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv.) ISO:64 V:1/1000 F:5,6
A unha garza real non lle gostou a presenza da garza branca e botouna de malas maneiras.
Garza real (Ardea cinerea) expulsando garza branca (Ardea alba)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv.) ISO:64 V:1/1000 F:5,6
Acuáticas no intermareal
Sony RX10 III (focal 130 mm equiv.) ISO:100 V:1/320 F:5
Acuáticas no intermareal
Sony RX10 III (focal 265 mm equiv.) ISO:100 V:1/320 F:5
A lagoa está moi animada, como adoita cando está aberta. A maiores das anatídeas habituais (culleretes, lavancos, cercetas, cincentos, etc) segue presente ese grupiño mínimo de parrulos (Aythya spp). Porén, o máis interesante foi a observación dun macho adulto de tartaraña das xunqueiras, xunto a outros dous exemplares con morfo máis habitual (femia/xuv).
Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) macho adulto
Xa teño comentado que nos primeiros anos de coñecimento da lagoa (na década dos oitenta) mantiven a ilusión ou esperanza de que esta rapina se reproducise aquí. Co tempo tempo deime conta de que non había nada de nada. Sen embargo, esta observación de hoxe fixo saltar as alarmas.
Tartaraña das xunqueiras acosando de maneira agresiva unha garza branca
Primeiro de todo polo inusual. Os machos adultos sempre foron bastante raros de ver na Frouseira, case sempre na pasaxe migratoria de primavera. De inverno é algo excepcional. Ademáis este macho mostrábase moi activo "para ser de fóra", agora tentando parasitar a captura dunha garza branca e logo voando xunto a unha femia, con quen non amosaba tanta agresividade, vai ti saber por qué.
Tartaraña das xunqueiras macho interactúa con femia
Por outra banda, a expansión da tartaraña das xunqueiras por territorio galego semella clara. Comezou aniñando no P.N. de Corrubedo, logo fíxoo ou tentouno en Ons, na Terra Chá, e Baixo Miño. E este ano tivemos a feliz nova da súa cría exitosa na ría de Ribadeo, da que nos informou amplamente o colega Carlos Sanjurjo (preme). Por todos este motivos considero que esta observación de hoxe resulta de máximo interese cara o futuro. Igual esta primavera temos un bombazo.













Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos