Teño lido diferentes termos relativos á sensibilidade do sensor, o famoso ISO. ISO nominal, ISO nativo, ISO dixital... É un conceito que me custa comprender. Mas xa sei que disparando en RAW debemos evitar o ISO dixital, que é o que pon a cámara cando permitimos que a sensibilidade salte en 1/3 de paso, por exemplo. Iso xa mo explicou un colega fotógrafo.
Penso que foi na mesma páxina web de Olympus onde lín que a OM-1 tiña un ISO nominal de ata 25.600, algo que non me cadra ben co que lin sobre a definición de ISO nominal: aquela sensibilidade para a que está deseñada un sensor. Está claro que na OM-1 a partir de ISO 1600 comeza aumentar o ruido a tamén e perda de detalle. En calquer caso, e pola miña experiencia, semella que a OM-1 permite sacar tomas decentes até un rango tan alto de sensibilidade como é ISO 25.600. Máis aló (ISO 50.200 e ISO 100.400 serve só para tomas testemuñais ou documentais, que non é pouco).
Debín facer unha foto co obxectivo curto para amosar as condicións de escuridade e choiva forte nas que estaba o outro día en Maniños. Non o fixen por preguiza, pero se os lectores ou lectoras puidesen ver en qué condicións tomei estas fotos habían comprender mellor o sentido desta entrada. Porque, non esquezamos, falamos dun sensor micro 4/3", moito máis pequeno ca un APSC ou FF.
Quizá porque un servidor provén do mundo das bridge e os sensores ultra-cativos non acabo de acostumarse a disparos con estes rangos tan elevados. Supoño que para os colegas fotógrafos das APSC modernas ou das Full-frame non lles será algo tan alleo.
Lóxicamente non podemos esperar un nivel de detalle e cualidade comparábel a imaxes tomadas con parámetros máis normais, mas podemos definir as imaxes coma decentes e perfectamente publicábeis en formato pantalla de computador. E iso non é pouco cando falamos de ISO 25.600!



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos