Seguidores e seguidoras

martes, 7 de xullo de 2026

07/07/2026 Unha visita rápida a Forcadas

 Había tempo que non ía polo encoro das Forcadas e hoxe ao saír do choio fixen unha visita rápida, por ver como estaba de nível hídrico e de bichos. E estaba moi baixo de todo. 

Encoro das Forcadas (Valdoviño). Cola de Vilaboa
Samsung A25 (focal equiv. 27 mm)  ISO:50   V:1/500  F:1,8

  Deume a sensación de que nestes últimos dous anos non se acadaou o grao de eutrofización de anos anterioes, que convertían a auga nun caldo sen osíxeno durante os meses de verán. Desde logo a auga non cheiraba coma outras veces. É posible que teñan curtado os verquidos orgánicos que provocaban este problema dese varias granxas situadas nun concello limítrofe. 

Encoro das Forcadas (Valdoviño). Enseada das Cortiñas

    O pantano amosaba un nível máis propio de finais de agosto que de primeiros de xullo. Nestes momentos hai un hábitat realtivamente favorábel para a sedimentación de limícolas, mas debeu ser bastante prexudicial para a reprodución de acuáticas. Das poucas que aínda o fan. Só parei en dous sitios e chamoume a atención non ver nin un só mergullete.

  Si había 4 biluricos de ás negras (Tringa ochropus), un habitual xa por estas terras e aughas.

Biluricos de ás negras (Tringa ochropus). Tres deles

   Logo da vaga de calore que tivemos a pasada fin de semana (39ºC en Ferrol!) contaba que aquilo estaría cheo de libeliñas e outros insectos a esas horas do mediodía. Outra sorpresa, porque non vin prácticamente ningunha: un par de Sympetrum sanguineum, un Anax imperator e para de contar. 

 A poboación de anfibios aínda non está extinguida. Alí onde chegan as invasoras cómpre falar nestes termos, por moi alarmantes que poidan parecer. 

Rá verde ibérica (Pelophylax perezi)

  A estroza experimentou un declinio importante, como acontece nestes humidais infestados con invasoras (e con problemas de eutrofización). Alegroume o día este xuvenil, quizá do ano pasado:

Estroza ibérica (Hyla molleri)
OM-1 + Zuiko 300 mm  + MC1,4x  f:5,6   ISO:400   V:1/640   F:7,1

  É curioso, mas desque comprei o Zuiko PRO case non tiven ocasión de facer fotografía macro. Tamén é certo que movéndome por onde me movo estes últimos anos non resulta doado. A maioría de colegas naturalistas (xa non digamos os coleccionistas) péganse unhas viaxes que meten medo. A min o Delta do Ebro xa me parecía ir moi lonxe, pero iso nos tempos que corren é como dar un paseo polo parque.

 Claro que tampouco teño aquelas ganas que tiña de subir montañas ou explorar fragas perdidas como facía cando era máis novo. Nesta fase da miña vida o que me presta son paseos cómodos cerca de casa, volver a casa tranquilo e desfrutar da edición fotográfica para esquecer outros problemas (pasados e presentes) que me traen polo camiño da amargura. 

PD: Por certo, chegou a calor e con ela os ladridos indoportábeis de certo can caniche que a loca da súa propietaria permite durante horas na rúa que dá contra o meu dormitorio. Pola mañá,... pola tarde, ...pola noite.... (chamar á policía local dache máis problema a ti que a ela). Un día pasei xunto á perrucaría que rexenta a propietaria e tiña o can dentro ladrando sen motivo como se non houber un mañá. Non paraba de ladrar mentras dentro perruqueiras e clientas falaban con absoluta normalidade!!! Eu non daba creto. Podo asegurarvos que co eco que facían os ladridos era insoportable camiñar ata pola acera de enfrente, non quero imaxinar dentro do local. E todas elas actuaban como se non ocorrese nada. Están para manicomio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos