Con este título, que semella un trabalíngoas, podemos definir a historia recente da lagoa da Frouseira e do resto do litoral de Valdoviño. Desde a irrupción desa peste que é o mascotismo (que non a tenencia responsable) xa perdera as ganas de ir por aló. Hoxe volvín para casa coa sensación de que vai pasar moito tempo antes de que volva.
O Concello vén de prolongar a maldita valla de madeira por unha parte do perímetro lagunar. Unha parte onde resulta necesario acceder á ribeira para censar ou fotografiar, sobretodo cando o nivel está baixo. Unha máis das desfeitas levadas a cabo en contra dos ornitólogos. E dos pescadores de caña, unha actividade que tamén goza de afeizón na zona.
Lin en prensa que a misión desta valla era "impedir o acceso de persoas ou animais á lagoa". Desde logo as persoas vano ter máis complicado (coñecendo ás xentes de Valdoviño penso que esa valla vai durar pouco de pé). Os cans seguirán accedendo coma sempre, obviamente.
Hai uns meses pintaban parte da pista perimetral para criar un carril bici. Con esta actuación, aparentemente inocente, fodéronos ben aos ornitólogos. Porque agora non dispomos de espazo onde parar o carro un momento para observar acuáticas, algo que é moi de agradecer cando censas ou cando chove, por exemplo. Iso si, os veículos seguen pasando pola pista, algúns deles a toda velocidade, como certo repartidor de prensa. Pero un afeizoado á observación ou á fotografía de aves non pode estacionar un ratiño.
Paseo canino, carril bici e circuito do " repartidor asasino"
Eu non entendía ese furor por facer carreiros para bici e cheguei a pensar que a equipa de goberno do Concello serían todos membros dalgunha asociación cicloturista. Recentemente okupouse parte da estrada ao faro para facer outro máis. Neste caso e desde o meu ponto de vista, con esta actuación provócase un risco innecesario para os condutores e mesmo para os peóns, por ser unha estrada moi estreita onde agora resulta complicado cruzarse con outro carro que veña de frente (a min pasoume e tiven que invadir o carril bici ou me quedaba sen retrovisor esquerdo). En fin, outro despropósito.
Estrada ao faro por Taraza
Como dixen, non lle vía moito sentido a toda esta tolemia pro-bicicleta, até que Cosme Damián me chamou esta semana e me contou a última "inocentada" da Xunta de Galicia: o
Camiño litoral, un proxecto para comunicar case toda a costa galega con sendeiros peonís ou de bici.
Polo visto a Consellaría de Medio Ambiente rexeitou todas as alegacións (xa o fixeron tamén co Plano de Conservación da Frouseira ao cual eu mesmo presentei alegacións vía SGHN). Algúns dos sendeiros previstos atravesan zonas de enorme impacto ecolóxico. Por exemplo sistemas de dunas grises con orquídeas, ou as proximidades do único ponto de cría de galguiñeira (Botaurus minutus) na metade norte galega.
Camiño litoral na lagoa e sistema dunar de Doniños (Ferrol)
Por suposto estes itinerarios litorais xerarán un efecto chamada, que provocará a presenza masiva de xente e cans soltos en todas as rotas. O voto é o voto, e coas cousas de comer non se xoga. Decepcionoume un pouco que o alcalde de Valdoviño (boa persoa) se preste a estas burradas ás que xa nos ten acostumados a Xunta do PP. Esa valla de madeira é o máis absurdo que vin nunca nun espazo natural. Para o que tiña que servir (evitar que os cans ceibes entrasen na lagoa) non serve; para o que non debía afectar (ornitólogos e pescadores) nos fode vivos.
Camiño litoral previsto en Valdoviño
Voltei a casa botando de menos a tranquilidade e paz que sinto cando volto de Moeche ou do peirao de Maniños. Claro que aqueles non son "espazos protexidos". Menos mal!!!
Litoral de Valdoviño
Como dixen nun post anterior, haberá que montarse un chiringuito para vivir do erario público a conta da Consellaría de Medio Ambiente e as súas ocorrencias. O de multar aos infractores mascotistas, presentes de xeito permanente nos espazos protexidos, vai ser que non. Iso quita votos nesta distopía que é o século XXI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos