Seguidores e seguidoras

martes, 28 de xullo de 2026

Primeiras noiteboas (Caprimulgus europaeus) da temporada

  Hoxe collín un día de ferias e fixen unha mostraxe intensa por terras de San Sadurniño e Moeche. De 5:20 a 6:20 h conducindo no carro a baixa velocidade (con marchas longas por aquilo da menor contaminación). De 6:20 a 8:20 h camiñando polos percorridos habituais.

 O máis salientábel foi:

  • Un ourizo cacho (Erinaceus europaeus) perto de Lamas (San Sadurniño) ás 6:03
  • Tres teixugos (Meles meles) observados entre Lamas e As Regas. Ún deles na granxa de Casalousada ao mesmo pe das casas. Podedes consultar a localización das citas neste enlace á web de Observation.
  • Unha martaraña (Martes martes) na ponte sobre o Rego de San Xurxo
  • Dúas noiteboas cincentas (Caprimulgus europaeus) observadas ou escoitadas en Moeche. A unha delas púiden fotografala, aínda que non tan ben coma o ano pasado (preme). 

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus). Toma nocturna
OM-1+ Zuiko 300 mm  f.4  ISO:25600  V:1/125   F:4

 Unha focal fixa pode ofrecer maior cualidade de imaxe ca un zoom, mas ten os seus inconvenientes. Custoume un mundo focar a noiteboa, moitísimo máis có ano pasado usando o Pana 100-300 mm. Ademáis do limitado campo de visión a dez metros de distancia (falamos dunha focal equivalente a 600 mm) cómpre ter iluminado ese ponto coa luz da lanterna frontal, que levas na frente mentras ollas polo visor da cámara. Porque é de noite, un pequeno detalle sen importancia.

   Desta volta conseguino a medias. Así e todo, ese ollo da noiteboa queda sempre espectacular.

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus). Toma nocturna
OM-1+ Zuiko 300 mm  f.4  ISO:25600  V:1/125   F:4

   Unha vez rematada a época das guindas resulta máis complicado observar martarañas, e neste mes case non as vin. Sempre de forma breve e lonxe.

Martaraña (Martes martes)
OM-1+ Zuiko 300 mm  f.4  ISO:25400  V:1/125   F:4

   Esta mañá un exemplar aparecía nese importante ponto de marcaxe que é o paso da estrada sobre o Rego de San Xurxo.


    Fixo unha parada para marcar cunha caca.

Martaraña defecando

   Logo deu un chimpo e desapareceu entre a ripisilva do Rego


  Cambiamos de tema. Os carábidos son unha coñecida familia de coleópteros que na comarca de Ferrol contan cunha boa presenza de especies. Por exemplo o Carabus galicianus ou Carabus deirolley. Esta mañá atopaba ún que, segundo Observation, podería ser Carabus lineatus. Se non lembro mal en Ferrol temos a subespecie Carabus lineatus lateralis.

Posible Carabus lineatus. Fam. Carabidae

  A partir destas datas podemos considerar que a temporada repodutora das aves está "finiquitada", comezando a da migración outonal. Hoxe despedíame dos picanzos vermellos, que o mes que vén voltarán á Africa subsahariana.

    Pillei un macho moi perto, pero dous pastores eléctricos estragaron as fotos. Unha mágoa, pois a esa distancia cóllense poucas veces

Picanzo vermello (Lanius collurio)
OM-1+ Zuiko 300 mm  f.4  ISO:400  V:1/320   F:4

Picanzo vermello (Lanius collurio)
OM-1+ Zuiko 300 mm  f.4  ISO:400  V:1/500   F:4
 
    Indo para Moeche pola autovía AG-64 vin outra noiteboa, que case atropelo! Veñen días en que veremos estas estranas aves por todas partes (teño achado exemplares de noiteboa en aparcadoiros de áreas comerciais ou mesmo na factoría de Navantia). Permanecede atentos e atentas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos