Seguidores e seguidoras

venres, 8 de agosto de 2025

Unha saída nocturna ben proveitosa

    Esta noite despertaba ás catro da mañá e vin como entraba pola ventá a luz da Lúa, case chea. Pensei que sería unha boa idea facer unha mostraxe nocturna, así que me erguín. Por desgraza cando cheguei a Moeche a Lúa xa se ocultara no horizonte, mas valeu a pena ter madrugado tanto.

De camiño ao local patch
  
     En Moeche non entenden de "noites tropicais". Logo de amainar os fortes ventos que sopraron estes días a temperatura baixaba pola noite até uns frescos 12 graos. 

Temperatura ás 5,28 hora zulú

Noite pecha no cruce das Regas

 Realicei unha mostraxe polo itinerario habitual, desta volta na máis absoluta escuridade. Bon, axudado por unha lanterna frontal. Recoñezo que tiña medo a que en calquer momento aparecera a Guardia Civil, alertada pola viciñanza (ademáis naqueles campos as vacas durmen fóra pola noite e xa houbo roubos de gando na comarca de Ferrol).


Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)

    As noiteboas cincentas (única especie de noiteboa presente no noso país) seguían aló. Logo de tantas observacións e após un cambio de tempo importante, ao parar o nordés, xa considero que non se trata de exemplares en migración. Estudando un pouco o hábitat disponíbel penso que poden ser exemplares reprodutores que, por algunha razón, non detectei anteriormente. A próxima primavera tentarei estar máis atento.

 En calquer caso as noiteboas son aves fascinantes. Ver eses ollos brillantes desde cincuenta ou cen metros cando alumeas coa frontal é incríbel.

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus) na escuridade

   Fixen moi ben en levar o Panasonic 100-300  f:5,6 en vez do Zuiko 100-400  f:6,3. A teoría fotográfica pode dicir o que queira. A realidade do naturalista é diferente. Por certo, o Pana é máis luminoso a igual focal. Cousa que agradecín especialmente cando algunhas noiteboas permitiron que me achegase moito, podendo empregar focais intermedias. Do perto que estaba algunha avenoiteira xa case non a collía enteira no encuadre se poñía o zoom a 300 mm.

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)
OM-1 + Panasonic 100-300  f:5,6   ISO:25.600   V:1/100    F:5,6

  Por certo, eu nunca uso flash con bichos porque me parece unha técnica moi agresiva (a Olympus OM-1 trouxo de serie un pequeno flash que non sei nin configurar). Prefiro usar iluminación menos brusca que un flashazo.

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)
OM-1 + Panasonic 100-300 (a 160 mm)  f:5,6   ISO:6400   V:1/100    F:4,6

    Un ave realmente espectacular, non vos parece?

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)
OM-1 + Panasonic 100-300 (a 200 mm)  f:5,6   ISO:25.600   V:1/100    F:5

   Ademáis das noiteboas unha saída nocturna ofrece a posibilidade observar morcegos. Ao chegar ás Regas apareceron varios exemplares de mediano tamaño. Consultado o meu experto de cabeceira Manuel Arzúa, poderían tratarse de morcegos das hortas (Eptesicus serotinus), que posúen un vóo bastante directo, característico da especie. Porén foron observacións breves con bastante incertidume.

  Aos que si podemos dar unha identificación conluínte é aos morcegos das ribeiras (Myotis daubentonii) que voaban e cazaban insectos no río Xuvia entre as 6,50 e as 7,02 h.

Morcego das ribeiras (Myotis daubentonii)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6   ISO:51.200   V:1/400    F:5

  O campo dos quirópteros é un terreo case descoñecido para min pero teño certa experiencia co morcego das ribeiras. A miña impresión incial foi que os 2-3 morcegos que voaban sobre o río eran esa especie. Logo de falar con Manu non houbo dúbida posíbel. Aínda que a súa fotografía documental, en condición extremas, non foi doada.


Morcego das ribeiras (Myotis daubentonii) en vóo característico sobre masas de auga
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6   ISO:51.200   V:1/400    F:4,6

   Lóxicamente son imaxes testemuñais con nulo valor fotográfico, mas con alto valor científico, que é do que se trata (eu non colecciono cousas, eu estudo a Natureza). Na web de Observation xa homologaron a cita.

Morcego das ribeiras (Myotis daubentonii)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6   ISO:25.600   V:1/250    F:5,2

 E con esta pequena marabilla que é o morcego das ribeiras rematamos a entrada. Qué pouco sabemos deses bichos fascinantes que son os nosos morcegos!

2 comentarios:

  1. Boas tardes,
    Son paxareiro afeccionado dende vai anos e chamáronme a atención as últimas fotos que amosaches da noiteboa. Non sabía que podía ter tanta tolerancia aos humanos. Esta tolerancia é característica da especie? Ou quizais se trate de un estado de inmobilidade por medo ou pola luz?
    Un saúdo,
    Alén Espiña Otero.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá, rapaz (coñézote dalgunha saída con Hábitat, penso).
      Pois eu non son etólogo nin biólogo así que non che podo respostar con coñecimento científico a esa consulta tan interesante que fas (a min tamén me ten intrigado o tema). Semella lóxico pensar que unha aproximación cos faros do carro ou dunha lanterna frontal permite que a ave teña máis liberdade para fuxir en canto se sinte molesta. O "fogonazo" do flash dunha cámara é moito máis agresivo por ser máis potente (en canto a rango de luminosidade) e imprevisto.
      Apertas e grazas por comentar.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos