Esta mañá fixen unha "visita de médico" á lagoa de Valdoviño (nunca mellor acaído o do médico pois pasei unha noite horrible a causa dunha indixestión). Tan só pretendía dar un paseo polos prados de Meirás para tomar o fresco. Logo achegueime á Frouseira para comprobar que estaba chea, como adoita nas estacións do verao e mais do outono.
Lagoa de Valdoviño
Sony RX10 III focal 88 mm ISO:100 V:1/250 F:5
Desde logo a faciana que amosa esta lagoa durante os meses de xullo a novembro non ten nada a ver coa que mantén entre decembro e maio, unha época na que se convirte nun dos mellores humidais de Galiza pola variedade e cercanía das aves. Quen pretenda observar acuáticas agora desde a comodidade que supón o paseo peonil probablemente vai aburrirse. Cando a lagoa está pecha cómpre moverse polos sectores S, SW e W, por antigos sendeiros que eu percorría habitualmente nos anos oitenta e noventa, cando era novo. Moitos deses vellos camiños de pescadores están hoxe completamente impracticables ou mesmo desapareceron. Unha mágoa.
Anatídeas solitarias
Desde hai uns anos a riqueza de acuáticas baixo moito, mesmo cando está baleira. Especialmente en dous momentos pontuais: a invernada durante as vagas de frío de verdade (non lembro nada digno de tal nome no século XXI) e os pasos migratorios de maio, bastante cativos na última década. Neses momentos A Frouseira é un auténtico espectáculo, sempre falando desde o ponto de vista dos modestísimos humidais galegos, que diría Souza.
Zona do "Pozo do cura" (dereita) e sistema dunar ao fondo
Xa estaba formado o primeiro grupiño invernante de galos de auga. Por desgraza o funcionamento mareal durante a estación reprodutora fai que esta acuática aniñe de maneira moi ocasional e en número mínimo, agás no ano 2003, cando pecharon a lagoa polo verquido do Prestige (xa vos contei sobre iso). E se antes xa o facía de Pascuas en Ramos, cando non había porcos bravos na marisma, pois a cousa pinta pior agora. Penso que o caso máis grave foi o da galiña de auga (Gallinula chloropus), antes ben coñecida popularmente e hoxe prácticamente extinguida na zona se exceptuamos as lagoas litorais, onde resiste algunha parella.
Galos de auga (Fulica atra)
Galos de auga (Fulica atra)
Así rematamos este mini-post sobre Valdoviño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos