Nova visita hoxe aos campos de Moeche, para desconectar do vivido onte. Unha tarde complicada (con policía local incluída), por culpa dun veciño con esquizofrenia empeñado en facer a vida máis complicada aos que xa estamos pasando por momentos difíciles. Historias de Ferrol....
Sempre nos quedará Moeche. Teño ganas de fotografar ben ao macho de xabalí que fai todos os días a mesma rota. Non será doado porque a esas horas aínda está mencendo. Hoxe collino case ben (cun valor de ISO altísimo, claro):
Porco bravo (Sus scrofa). Redución de ruido con I.A. (60%)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:65.535 V:1/400 F:5
A martaraña, sen embargo, mudou o seu percorrido habitual durante a mañá, aparecendo no camiño do leste. Alí tiña atopado excrementos e pegadas da especie, mas non tivera nunca unha observación directa, que tocou hoxe.
Martaraña (Martes martes) no camiño do leste
Mararaña "ao galope"
No camiño achaba unha caca fresca e diferente ás habituais. De cor case negra e composta case exclusivamente por restos de amoras, o froito da silva (Rubus ulmifolius).
Unha das características dos excrementos de marataraña é que non cheiran especialmente mal (nada que ver coa dun gato ou un can, vaia). Podedes collelas cun paliño e achegalas ao narís sen medo ningún. Mesmo poden ulir un pouco a froitos secos coma noces ou avelás. No caso da caca desta foto non ulía a absolutamente a nada. Era case coma coller unhas amoras machacadas. É evidente que a martaraña europea gosta moito da froita coma complemento na dieta.
Excremento de marta (Martes martes) con abondoso contido de amoras
O percorrido que fixo a marataraña de hoxe é o 3, indicado en vermello no seguinte mapa. Debemos abandonar a imaxe que tiñamos da martaraña coma un carnívoro exclusivo de grandes masas florestais. Se vos fixades na ortofoto de sig-pac, a cobertura arbórea é mínima neste territorio. E dispoño de numerosas obsrvacións para confirmar, sen xénero de dúbidas, que é un territorio ocupado por martarañas reprodutoras, como ben sabedes.
Diferentes itinerarios de Martes martes en As Regas de Casalousada (Moeche)
Xa falamos que o 1 (azul) xa non o fai desde que estercaron o prado. O tramo 4 (verde claro) é o que mantén con maior frecuencia. O ponto de unión entre o 1, 2 e 4 (círculo branco sobre o Rego de San Xurxo) supón un importante lugar de marcaxe territorial.
Porén, a noticia da mañá foi o avistamento, moi breve, dunha donicela (Mustela nivalis). Ou delonciña, que dicimos polo norte galego. Por desgraza non me deu tempo a tomarlle foto ningunha. Podo poñer unha imaxe do hábitat onde foi observada atravesando a estradiña.
Por suposto fixen unha visita rápida aos meus picanzos. No territorio 1, onde onte habia tantos, non vin nin o primeiro. Si apareceu este puto gato (cruzado de siamés, polo rabo torto e curto). Non digo nada, que me denuncian as tolas da Igrexa Gatólica.
Gato doméstico. Especie invasora no medio natural
Rematamos cun buxato xuvenil. Nestes días de verao dame moita pena escoitar os queixumes dos xóvenes voantóns que mian sen descanso para que lles traian comida. Un son moi común nos campos galegos nestas alturas do ano.
Buxato común (Buteo buteo) xuvenil
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:1000 V:1/320 F:5,6
Veigas do Xuvia desde San Xurxo de Moeche
OM-1 + Panasonic 14-42 mm ISO:200 V:1/400 F:5,6
Espérovos no próximo post. E os 693 visitantes que tivo onte este blogue lembrade que cobro só 10 euros por cada comentario. Farei desconto se o facedes en grupo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos