Seguidores e seguidoras

venres, 15 de agosto de 2025

As Regas de Pedroso, un antigo humidal case descoñecido

  En Galiza o proceso de sucesión ecolóxica acabou por colmatar moitos pequenos humidais. Sen embargo moitas veces ese proceso foi "acelerado" debido á actividade humana; ben pola eucaliptización, que drenou moitos dos aportes fluviais que nutrían zonas húmedas, ben por causa do abandono da gandairía nestes espazos. Por unas causas ou por outras a perda destes ecosistemas foi salvaxe no noso país ao longo do pasado século (xa nopn falamos das desecacións directas de humidais maiores, de sobra coñecidos). Por ese motivo gosto moito de coñecer os restos que quedan do que en tempos foron humidais de interese para aves acuáticas ou anfibios, como a xunqueira de Ares ou As Regas de Pedroso, en Narón.

Salgueiral pantanoso. Foto: Manolo Rei. Autodisparo sobre tripé
Sony RX10 III f:4 (focal 24mm)   ISO:100    F:8    V:1"

Mancha residual de espadana (Typha latifolia)

  As Regas de Pedroso están nunha fase moi avanzada de colmatación. Arestora é prácticamente un salgueiral pantanoso que no verán queda case seco. Unha estradiña crúzaa polo medio.

Estrada que cruza As Regas. Autodisparo sobre tripé
Sony RX10 III f:4 (focal 40mm)   ISO:125    F:5,6    V:1/15

  Xa non quedan augas libres e todo está cuberto por arboredo: básicamente salgueiros (Salix atrocinerea), algúns de grande porte. Tamén ameneiros (Alnus glutinosa) ou mesmo carballos (Quercus robur) nas zonas máis secas. Porén, esa chan asolagado durante parte do ano e as numerosas matas de Carex spp lémbrannos que aquilo foi un humidal no seu tempo. 

Matas de xuncas (Carex sp)

 Vexamos unha ortofoto actual (visor Xunta de Galiza 2023). Podemos apreciar que a área coñecida históricamente como "As Regas" está hoxe cuberta pola floresta mencionada.

As Regas de Pedroso (Narón) en 2023
  
    Agora vexamos como eran en 1957, grazas ao famoso vóo americano. Nela podemos apreciar que non había parcelación na parte central, o cual indica que aquilo non era apto para cultivo, que era xunqueira vaia. O mesmo que as zonas ao nordés e mais ao suroeste do círculo verde, se vos fixades. Hai cen anos debeu ser realmente interesante aquela veiga do Xuvia. Un río que, por certo, aparece nun trazado moi diferente nunha foto e outra. No 57 cun trazado irregular no estremo SE da ortofoto e en 2023 cun trazado completamente recto e situado máis ao norte. Vai ter razón o mestre Souza cando comentaba que semellaba ter sido canalizado por algún motivo. Quizá para axudar na desecación das regas e gañar terreo agrícola? 

As Regas de Pedroso (Narón) en 1957

  A medio camiño entre unha foto e outra, un servidor pasou por aló, tal día coma un 31 de marzo de 1991. Fora dar unha volta na moto e parei brevemente nunha xunqueira que me chamara a atención.  Puiden escoitar unha zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus) e observara carrizas dos xuncos (Cisticola juncidis) e mesmo un macho de escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus) cantando! Ojito con esto. Podedes ver aquela listaxe histórica en eBird (preme). 

Dentabrú (Osmunda regalis). Autodisparo sobre tripé
Sony RX10 III f:4  (focal 65mm)   ISO:400    V:1/25    F:5
  
   Descoñezo qué fauna puido haber naqueles tempos. Imaxino que polo menos zurrascas eurasiáticas, galiñas de auga, lavancos reais e limícolas durante as migracións e de inverno. Penso que Eloi Saavedra me ten falado da caza de arceúcha das brañas non hai tantos anos. Tamén debeu manter unha importantísima comunidade de anfibios. Ún dos topónimos da zona é "Cantalarrana". Polo visto o ruido que facían as rás era tremendo polas noites. Obviamente penso na rá estroza (Hyla molleri), que aínda hoxe ten hábitat bastante óptimo alí.

  En fin, perdimos un humidal e gañamos un bosque, que tamén ten os seus habitantes e habitantas.

Caca de martaraña (Martes martes)

   Antonte atopábamos un excremento de martaraña, composto por ósos de abruño. Non moi lonxe atopamos varios deles, cargados de froitos.

Abruño (Prunus spinosa)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6   ISO:640    V:1/250    F:6,3

Froitos de abruño (Prunus spinosa)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6   ISO:1250    V:1/400   F:5,6

  Terminamos cunhas fotos do río Xuvia no seu novo trazado, que cambiou a mediados do século pasado por causas que descoñezo. A verdade é que semella un cauce completamente normal. 

Rio Xuvia en Pedroso
OM-1 + Panasonic 14-42 f:5,6   ISO:3200    V:1/160    F:6,3

Río Xuvia en Pedroso

Lavandeira real (Motacilla cinerea). Foto: Manolo Rei
Oympus E-M10 Mark IV + Zuiko100-400  f:6,3    ISO:3200    V:1/250    F:6,3

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos