Seguidores e seguidoras

domingo, 12 de xullo de 2026

12/07/2026 Novos descubrimentos nas Regas

    Se as martarañas consomen cereixas cando é o tempo delas semellaba lóxico que tamén comeran os kiwis da plantación situada na parte sur do territorio de Chosca. Hoxe puiden confirmalo, logo de atopar un excremento con numerosas sementes do que parecen ser kiwis, quizá algo verdes.

Caca de martaraña con restos de kiwi

   Terminada a tempada das guindas, as cacas de martaraña volven ter a forma, color e olor característicos (o sabor non é necesario para determinar a especie, grazas a Deus).

Lugar onde estaba a caca de martaraña, xunto á plantación de Kiwis

   Momentos antes observaba varias martarañas nese ponto quente que é o paso sobre o Rego de San Xurxo. Só puiden sacar dúas fotos malísimas onde se aprecia que eran varios individuos. Sen dúbida ningunha, Chosca cos seus pequenos.


"Fotografías" de Chosca e os cachorros

     A mala nova da semana é que segaron as fincas ao norte do "Camiño do xabalí". Agora só se escoita o paspallás ao sur do Rego.

Fincas onde cantaba o paspallás

   Segue o tempo de treboada. Cando levo a OM-1 xa tomo as fotos de paisaxe co móbil.

Ceo de treboada

    Os buxatos seguen armando barullo, tanto os voantós coma os adultos, que os chaman sen parar (supoño que para que se activen e se movan).

Buxato común (Buteo buteo)

    O malo de andar a moitas cousas é que non podes estar a todo, que se di. Viña de fotografar unha carriza dos xuncos "en estático" e para coller o buxato en vóo son moitos os parámetros que debía cambiar (modo de foco, velocidade, ISO,...). Non me deu tempo.

Buxato común (Buteo buteo). Probablemente adulto

  Nestas últimas semanas parecérame escoitar o canto do faisán, sen chegar a identificalo con claridade (por iso non subira a cita a eBird). Hoxe escoiteino moi perto e ademáis puiden observar un exemplar. Un bicho ao que lle faltaba a cola por ataque dalgún depredador ou do puto gato que está sempre na curva do camiño. Poño unha foto menos sensible, porque as outras dan grima.

Faisán de colar (Phasianus colchicus)

   Rematamos cunha carriza dos xuncos, especie moi común en todo o país, e co picanzo de cabeza rubia xuvenil, que segue por aló. Menos mal que non é un picanzo castaño (imaxino a romaría de frikies coleccionistas).

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6   ISO:1600   V:1/500  F:5,6

Picanzo de cabeza rubia (Lanius senator) xuvenil

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos