Seguidores e seguidoras

domingo, 19 de outubro de 2025

19/10/2025 "Cocheando" pola ría e récord de boieiras occidentais (Ardea ibis)

  A previsión meteorolóxica anunciaba bastante auga para esta mañá, así que preferín dar un "voltio" pola ría desde a comodidade que ofrece o carro. Nestes casos convértese nunha especie de observatorio móbil.

Esperando a que escampe. Óleo sobre lienzo, clásico galego do século XVIII

  Pensaba facer un censo parcial de lavancos reais, unha vez terminado o período de muda ou mancada, como se coñece técnicamente. Na enseada do Baño (Mugardos) contaba 140 ex, na praia de Maniños (Fene) 51 ex, e frente a Barallobe (Fene) outros 19 ex. 

  Estas dúas fotos están tomadas exactamente desde o mesmo sitio: o peirao de Maniños. A primeira mirando en dirección oeste ao grupo que estaba na praia; a segunda mirando en dirección leste ao grupiño de Barallobre. Para que vexades cómo inflúe a lus nisto da fotografía.

Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:1600   V:1/320    F:6,3

Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:1600   V:1/320    F:6,3

   Á praia de San Valentín xa non vou polo motivo que xa sabedes, así que faltaba o fondo da ría (Narón/Neda), un intermareal que concentra a maior cantidade de anátidas na nosa ría. Por desgraza foi chegar aló e caer o Diluvio Universal.

Intermareal do fondo baixo a chuvia

   Non puiden facer conteio nengún, mas podemos considerar que habería varios centos de lavancos con absoluta probabilidade. Quizá non tantos como antes, mas si uns 200-300 patos, que darían un total aproximado de 400-500 lavancos reais para esta parte da ría de Ferrol. Se sumamos/imaxinamos os presentes noutras enseadas coma San Valentín (Fene), A Malata ou A Cabana (Ferrol) estaríamos a falar de 500-700 exemplares para o global da ría de Ferrol.

 Cando xa marchaba ollei un grupo de garzas brancas pequenas recollidas na ribeira do Couto. Inicalmente pensei que sería un bando mixto de Egretta e Ardea ibis. Porén, ao chegar a casa e visionar as fotos comprobei que eran prácticamente todas boieiras. Logo de analizar e ampliar as fotos semella que había 102-107 boieiras (Ardea ibis), que supón o meu récord persoal da especie en territorio galego. Na imaxe que publico non están todas. Simplemente é a que mellor saíu.

Garzas boieiras occidentais (Ardea ibis). Distancia: 800 m (Sig pac)

   Na Baranda do gato asasino volveron os estorniños negros. Case me emociono ao ver un grupiño deles no mesmo lugar onde o outro día apereceu o puto gato de marras para cazar un exemplar. Cun fondo de chuvia tomei unhas das fotos máis sentidas da miña vida. 

Estorniño negro (Sturnus unicolor)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:3200   V:1/160   F:6,3

Estorniño negro (Sturnus unicolor)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:3200   V:1/160   F:6,3

Estorniño negro (Sturnus unicolor)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:3200   V:1/160   F:6,3

  E con este supervivinte á peste mascotista rematamos a entrada. Que non se despiste moito o estorniño que igual a próxima ameaza non é un naturalista fotógrafo....

1 comentario:

  1. Outra leitura, da que en xeral estou gozando é a de "Reflections. What wildlife needs and how to provide it", de Mark Avery. Nela, deixa entrever un ramalazo mascotista nas páxinas que fala dos gatos, vinculándoos erroneamente co "rewilding". A infección está máis estendida do que parece... Saúdos. Damián

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos