Volver usar unha cámara que tiñas parada é case coma comprala de novo. Esta mañá voltei pola de Ferrol coa G7 mais o Pana 100-300 f:5,6. Paseino moi ben, mas hai algo que me preocupa e que comecei a notar ao voltar de Zamora. Non sei se é un problema da configuración da G7, da tarxeta, do PC (que xa ten moitos kilómetros) ou dalgo que toquei no Lightroom sen darme conta. O caso é que a temperatura de cor volveuse tola:
Arquivo RAW con temperatura de cor teóricamente fría
Normalmente teño o balanzo de brancos en automático cando disparo en RAW (case sempre). Logo co Ligthroom configuro o que máis gosto. Porén agora os arquivos póñense moi "amarelos" a pouco que subas a temperatura, mesmo con "luz do día", unha temperatura onde teóricamente hai dominante azul (dito en palabras dun ignorante nos asuntos técnicos). Hei mirar o espazo de cor que teño nas outras cámaras, que configurei segundo recomendación dos que saben. Agora non lembro se o mellor era sRGB ou AdobeRGB. Na G7 teño o primeiro. Ainda que penso que é cousa dalgo que fixen sen darme conta no Lightroom. De feito agora cando clico sobre un RAW edítase automáticamente dunha maneira diferente, con máis contraste. Se alguén ten a solución ou algunha idea da causa estaríalle moi agradecido.
Cambiando de tema, un corvo mariño real pousaba así de tranquilo na baranda do peirao de Barallobre (Fene). Deume tempo a tomarlle unhas fotos antes de que pasara un carro e o asustase.
Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
Panasonic Lumix G7 + Pana 100-300 mm f:5,6 ISO:1600 V:1/160 F:5,6
Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
Panasonic Lumix G7 + Pana 100-300 mm f:5,6 ISO:1600 V:1/125 F:5,6
Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
Panasonic Lumix G7 + Pana 100-300 mm f:5,6 ISO:1600 V:1/80 F:6,3
Logo fun á ribeira de Neda. Ademáis da habitual concentración de lavancos reais (Anas platyrhynchos, uns 225+ ex mínimo), fotografaba o grupo de garzas boieiras occidentais. Hoxe eran 16 ex. Estaban a alimentarse no céspede de sempre e chegou o primeiro can ceibe que as levantou. Eu xa non lles digo nada (a última vez que se me ocorreu case levo unhas hostias dun pailán deses bravos con poucas neuronas operativas).
Garzas boieiras occidentais (Ardea ibis)
Panasonic Lumix G7 + Pana 100-300 mm f:5,6 ISO:400 V:1/500 F:6,3
Termino cunha foto que se ma contan hai dez ou vinte anos non o acreditaría. Unha mochila con dous corpos, tres obxectivos, teleconvertidor, flash externo e aneis de extensión. A afeizón á fotografía, que unha vez foi algo anecdótico coma simple ferramenta da afeizón naturalista, está a gañar protagonismo co paso do tempo. O problema é que agora se fago unha viaxe coma esta última a Zamora hai que cargar con dúas mochilas a maiores da maleta convencional: a mochila fotográfica e a naturalista (co telescopio, guías de campo, etc). O que me vira saír de casa o xoves pola mañá debeu pensar que ía de vacacións a Costa Rica.
Mochila con todos os "cachivaches"
E agora si. No próximo post xa falaremos de Zamora. Hai moitas cousas que contar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos