Seguidores e seguidoras

venres, 24 de outubro de 2025

Nova de alcanzo: confirmada a reprodución de Circus aeruginosus na ría de Ribadeo!

  Hai uns días o colega Carlos Sanjurjo Lastra informábame dunha nova con enorme interese ornitolóxico: a reprodución dunha parella de tartarañas das xunqueiras (Circus aeruginosus) na ría de Ribadeo. Ademáis de darme a boa nova pedíame que o transmitise para que quedase documentado. Veño de subir a cita ao Noticiario Ornitoxeográfico da Sociedade Galega de Ornitoloxía e agora imos falar do tema en Bichos. Porque o asunto ben o merece.

  Como sabedes a Ría de Ribadeo fai fronteira administrativa entre Galiza e Asturies. É unha ría estreita e de tamaño medio, mas conta con importantes masas de canaveira e xunqueira salgada na parte máis interior, que forma o estuario do río Eo.

Situación xeográfica da ría de Ribadeo

  Esta tartaraña é a máis rara das tres que aniñan no noso país, con menos de cinco parellas reprodutoras nos territorios xa coñecidos de Ons-O Grove, P.N. de Corrubedo, Esteiros do Ulla ou do Miño. Este ano documentouse tamén un intento de nidificación na lagoa de Caque (Castro de Lea - Lugo) mas deduzo que fracasou, pola ausencia de datos posteriores en eBird. Por iso este novo territorio no estremo norte da provincia de Lugo é de suma importancia.

 Carlos tivo a sorte de poder documentar numerosos episodios que confirman, sen xénero de dúbidas, o éxito na crianza este ano 2025. Animouse a facer un resumo que montou neste vídeo. Pasoume unhas capturas de pantalla para publicar no blogue (mellor abride o enlace para ver o vídeo, onde Carlos fai un excelente e moi bonito resumo cronolóxico). 

Macho carrexando material para construción de niño 

   O día 27/04/2025 observaba por primeira vez como un adulto aportaba poliñas para o emprazamento do niño, situado na banda administrativamente galega da ría (as aves non entenden de fronteiras pero os Atlas de distribución si, me temo). Tamén observou á parella interactuando, o macho ofrecendo presas á femia e a ésta expulsando unha tartaraña cincenta (Circus pygargus) á que se lle ocorreu entrar no seu territorio.

Parella de tartarañas das xunqueiras (Circus aeruginosus) en hábitat de reprodución

Macho carrexando un réptil (Anguis, Chalcides ou ofidio sp)

Adulto levando presa

    O día 3 de agosto avistaba aos dous polos voando con bastante soltura, algo que leva a pensar a Carlos que xa saíran do niño días antes.

Voantóns de tarataraña das xunqueiras xogando en vóo

Voantóns galegos de tartaraña das xunqueiras

  En fin, unha extraordinaria nova ornitolóxica, pola que dou os meus parabéns a Carlos Sanjurjo, que ademáis estará orgulloso por ter sido na ría de onde é nativo. A verdade é que sinto unha grande envexa e seguramente estou tan emocionado (ou mais) que o propio Carlos. Hai case corenta anos eu pensaba que na Frouseira tamén podería aniñar a tartaraña das xunqueiras. 

Macho de tartaraña (captura de vídeo editada con Ligthroom)

  Tal día coma un lonxano 10/05/1986 observaba por primeira vez un macho adulto en Valdoviño, que acompañaba á habitual femia do inverno. Naquela época non había a información de que se dispón agora e eu chegara pensar que aquel ano si había tomate. Pero finalmente non foi. Tratárase simplemente dun macho en migración, coma outros que pasaron en anos posteriores pola Frouseira. Mas nunca chegaron a nidificar. 

  Durante anos eu mantiven a esperanza, a ilusión adolescente, de que se concretase a cría daquela rapina fascinante na lagoa, algo que nunca sucedeu. Sempre pensei que o réxime mareal ou máis ben, o peculiar réxime hídrico desta lagoa, era o impedimento para que iso acontecese; a pesares de que Souza me ten informado de episodios de cría en humidais con réximes mareais igual ou máis fortes aínda (desde logo en Ribadeo tamén teñen diso).

Macho de tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)

    Insisto nos meus parabéns ao Carlos. Porque esta confirmación de crianza é extraordinaria.

7 comentarios:

  1. Magnifica nova!! Parabéns ós descubridores, e polo seguimento.
    E grazas a ti tamén por compartilo. Unha aperta.
    Juan Gómez

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Juan. Foi un pracer tomar parte na "compartición" (palabro que acabo de inventar).
      Un abrazo. A ver nos vemos por Ferrol cando voltes por aquí.

      Eliminar
  2. Boas Xabi.
    Gústame moito como contaches esta historia nesta entrada do teu blog.
    Reitero o meu agradecemento unha vez máis por difundir esta nova polos canais axeitados.
    A observación en si mesma non ten mérito algún, foi unha casualidade ver ese macho levando polas para o niño, cando eu estaba a visitar a miña irmá e ó seu fillo, que foran a pasar o finde na casa de nosa nai, (agora pechada case todo o ano) e donde eu vivín ata o ano 2000.
    Os meus coñecementos ornitolóxicos son moi limitados e, aínda que non ouvira falar desta especie reproducíndose nesa zona, non tiña nin idea de que fose un acontacemento tan extraordinario. Foron os meus compañeiros "paxareiros" os que me sinalaron a importancia do avistamento.
    Mirando cara atrás agora, coa perspectiva que trae o paso do tempo, semella imposible ter crecido e vivido a miña xuventude nese ambiente e non ter apreciado a súa marabillosa natureza.
    Aínda recordo cando cada ano, os veciños de Couxela na beira galega e os de Miou e Louteiro na asturiana, segaban moitas daquelas xunqueiras para usar o xunco como molido nas cortes do gado.
    Cando esta práctica caeu en desuso, as xunqueiras cambiaron de aspecto e as canaveiras comezaron a gañar territorio. Penso que isto debeu de favorecer notablemente a biodiversidade deste espazo.
    Na zona onde aniñaron, desembocaba un pequeno regato que, coas obras de ampliación da estrada, acabou dispersándose, dando lugar a un intrincado labirinto de pequenas canles e a formación dun pequeno ameneiral, onde crían tamén varias parellas de furamatos (Rallus aquaticus)
    En fin..., agardamos que este non sexa un evento illado e que se repita nos seguintes anos, contribuindo a expansión da especie neste territorio.
    Grazas de novo Xabi, e perdoa polo tostón.
    Unha aperta,
    Carlos Sanjurjo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. De "tostón" nada Carlos. Está moi ben aportar historias que contribúen a coñecer mellor o noso medio e a sua evolución.
      O da sega das xunqueiras ou uso gandeiro era unha práctica común en todos os humidais litorais e de interior (mesmo en Cospeito ou Antela. Como dis, o abandono desa práctica trouxo un incremento da superficie de canaval (Phragmites communis, básicamente), a pñriori, un hábitat favorable para moitas aves acuáticas e paxaros asociados. Sen embargo tamén causou un incremento exponencial na superficie ocupada por vexetación leñosa, motivo polo que moitas antigas lagoas son na actualidade salgueirais pantanosos con nulo interese para acuáticas. Como o Carregal de San Xurxo (Ferrol) ou, dentro de puco, a lagoa de Cospeito. Por moita cubeta nova que teñan escavado.
      Apertas e de novo parabéns. Teño a sensación que a tartaraña das xunqueiras está a colonizar Galiza, seguramente grazas ao aumento das súas poboacións na rexión de Castilla y León (ou Portugal?).

      Eliminar
  3. Hace un rato vi la cita en el NOG. Y, desde luego, es una noticia muy relevante: sin duda se trata de la cita de cría confirmada más detalladamente explicada y, literalmente, más "gráfica" que conozco para Galicia. Enhorabuena a Carlos Sanjurjo por avisar de este importante suceso y por el estupendo vídeo que lo documenta tan bien. Y, cómo no, a Xabi Prieto por esta entrada en su blog y por la descripción tan detallada, y concisa a la vez, que ha escrito para el NOG. Y que les vaya lo mejor posible a estas tartarañas nuestras, y "a ver si cunde el ejemplo" y la especie ocupa o reocupa unos cuantos humedales más.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Jose. A verdade é que estou tan contento como se o descubrise eu. Como ben dis, a ver se "cunde el ejemplo". Na Frouseira teñen sitio dabondo.
      Un abrazo, e alégrome de volver verte por aquí (espero que todo vaia ben).

      Eliminar
    2. Y otro de mi parte, Xabi. Noticias como ésta desde luego que no abundan en estos tiempos, y si vienen desde fuera del "círculo de veteranos", pues mucho mejor. Un fuerte abrazo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos