Seguidores e seguidoras

martes, 6 de outubro de 2026

06/10/2026 Lagoa da Frouseira

 Esta mañá volvín á lagoa de Valdoviño para ver como está de saúde. A verdade, vina moi ben. Chea, como adoita nestas alturas, pero había moitas aves. Serán máis cando baleire.

Lagoa da Frouseira (Valdoviño)
OM-1 + Panasonic 14-42 mm f:5,6   ISO:400   V:1/160   F:4,5

Lagoa da Frouseira (Valdoviño)
OM-1 + Panasonic 14-42 mm f:5,6   ISO:400   V:1/200   F:4,5

   Certo é que cando a lagoa está tan chea resulta máis complicado censar as acuáticas, especialmente se vai vento e a auga está batida. Porén hoxe a superficie da lagoa estaba coma un prato e daquela as aves son máis doadas de detectar, especialmente as mergulladoras.

    De todas formas cos obstáculos que instalou o concello cada día resulta máis difícil a observación de aves. Entre a valla de madeira e o carril bici que imposibilita o aparcamento temporal na pista da lagoa é un despropósito, especialmente desagradable cando volten os días de chuvia e vento. Porque se algo caracterizaba esta lagoa era a comodidade para observar aves.

Cercetas eurasiáticas (Anas crecca)


     Comecei coa intención de facer un censo completo pero abandonei debido a varios factores que impedían completalo con certa precisión. Poño a lista de acuáticas observada hoxe:
  • 124+ Patos cincentos (Mareca strepera). Hai máis con total certeza
  • ++ Lavancos reais (Anas platyrhynchos). Así a ollo nestes momentos poden contarse arredor de 150 ou 200 exemplares. Cando baixe o nivel esa cifra se duplicará
  • 21-30 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca) ...se triplicará
  • 1 Parrulo eurasiático (Aythya ferina). Sigo sen acostumarme a que apareza a R de raridade cando poño esta especie en eBird. Incríbel
  • 1 Zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus) detectada
  • 9+ Galiñas de auga (Galinula chloropus)
  • 160+ Galos de auga (Fulica atra). Parte delas estaban fóra do alcanzo da miña visión. Seguramente haberá un número semellante aos 211 ex contados por David Boso o 29/08/2026. Acuática emblemática deste humidal volve ter cifras decentes, digamos que comparables ás de décadas atrás
  • 1 Píldora cincenta (Pluvialis squatarola) buscando sitio para pousar (que non atopou)
  • 2 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus)
  • 14+ Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis). Como pasa coas anatídeas, o seu número real só pode analizarse cando abra a lagoa e baixe o nivel
  • + Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • Aprox. 34 garzas boieiras occidentais (Ardea ibis)
  • 3 Garzas reais (Ardea cinerea)
  Fóra do que son aves acuáticas salientar tamén:
  • 17 Choias de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax)
  • 2 Lontras, ou londras, que diría meu pai (Lutra lutra)

Garzas boieiras occidentais (Ardea ibis)

Píldora cincenta (Pluvialis squatarola ou similar)
 
  Sempre supón unha alegría volver a ver na lagoa eses grupos de galos de auga que converteron Valdoviño na lagoa mais importante para a especie en Galiza (falando sempre de concentracións en outono/inverno, non reprodutores). É posíbel que non vovamos ter aquelas concentracións de 400-600 individuos, pero estes arredor de 200 ex. que temos agora dá gosto velos. E oílos.

Galos de auga (Fulica atra) na ribeira occidental da lagoa


Galos de auga (Fulica atra) no "Lago Pequeno", desde o observatorio de torre

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos