Seguidores e seguidoras

martes, 13 de outubro de 2026

Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica), o bicho máis galego de todos?

  Durante os traballos de campo levados a cabo para o Atlas de anfibios e répteis de Galiza coordenado pola S.G.H.N.  Manuel Arzúa Piñeiro e máis eu recollimos moitas citas de saramaganta galega (Chioglossa lusitanica). En parte porque as nosas comarcas de mostraxe estaban case todas no cuadrante NE do país, a zona máis favorábel para un endemismo tan esixente no relativo ás condicións de humidade permanente. Tamén avanzamos moito no coñecimento da área de distribución da lagartixa da braña (Zootoca vivipara), algo do que me sinto especialmente orgulloso, a verdade. De feito acabamos redactando nós o texto para estas dúas especies (e algunhas mais).

Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica)
 
  Revisando o arquivo fotográfico que teño atopei estas fotos e me apetecía editalas de novo. Falamos dun urodelo que só existe no norte de Portugal, na Galiza e Asturies. Ademais ten unhas preferencias de hábitat moi marcadas por lugares con humidade e sombra permanentes, coma son eses pequenos regatos e mananciais tan habituais das fragas galegas.

Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica)
Sony RX10 II (focal 50 mm equiv)  ISO:800  V:1/100   F:4

  Este exemplar foi fotografado noutro lugar do val do Xubia, pero a seguinte foto reflicte moi ben o hábitat típicamente ocupado pola especie. Tomei a foto coa Canon SX50 (opa, Manolo). Coma non había luz ocorréuseme poñer o tripé e facer autodisparo con exposición longa. Non quedou mal de todo (tampouco tiña moitas opcións de composición).

Fraga de Naraío (San Sadurniño) 3/05/2015. Toma con autodisparo sobre tripé
Canon SX50  (24-1200 mm) f:6,5   ISO:80   V:1"   F:8

  Ademáis da súa limitada área de distribución a nivel mundial a saramaganta ten un aspecto serpentiforme que a fai moi diferente ao resto dos urodelos peninsulares. É tan especial que ata entra no radar dos rarólogos paxareiros, que xa me teñen preguntado por ela.

Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica)

Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica). Toma algo recurtada
Sony RX10 II (focal 50 mm equiv)  ISO:800  V:1/100   F:4

   E falando da Sociedade galega de Historia Natural, no arquivo de fotos abrín tamén un cartafol do que case non me lembraba, dunha excursión a Ortigueira con compañeiros da SGHN-Sada/Ferrol:

Un servidor dando indicacións con 19 anos menos

   Case nen me recoñezo con ese "pelaso" travoltiano. Son bastantes anos mais e moitos os disgustos vividos desde entón. Precisamente o período máis duro e difícil da miña vida.

Ollando polo teles coa guía de aves de Baía, xunto ao seu ilustrador, Calros Silvar

 Vémonos na próxima entrada, bichistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos