Seguidores e seguidoras

sábado, 10 de outubro de 2026

Dous millóns de visitas a "Bichos"!

    En 2024 este bloque acadaba o primeiro millón de visitas (preme). Esta madrugada superábase o umbral dos dous millóns. Supoño que é un bon dado.

   Para alcanzar eese primeiro millón tiveron que pasar trece anos desde a criación de "Bichos e demais familia". Este segundo millón logrouse en só dous anos máis. Iso significa un incremento exponencial no número de visitas. Daquelas 1.139 visualización que houbo no primeiro mes de 2011 pasouse a 188.894 este pasado mes de setembro.

Evolución no número de visitas

   Xa teño comentado que neste blogue houbo picos de visitas que considero, digamos, "spam". Supoño que os famosos bots de Internete. Refírome a, por exemplo, estar tendo unha media de 200 visitas ao día e durante tres días pasar a 3000. E procedentes de lugares tan exóticos coma Singapur, Rusia ou Hong Kong. Evidentemente non eran lectores de Bichos.

  Nestes últimos meses cheguei a considerar que o incremento espectacular de visitas podía ser tamén algo así. Un aumento estratosférico, na realidade. Porén estiven a facer un seguemento diario e comprobei que semella algo consolidado. Polas cifras de visitantes tan regulares e polos países de procedencia: EEUU, Arxentina, Brasil, cousas con bastante mais lóxica, por número de habitantes ou por afinidade cultural.

Visitas no último mes de EEUU

Visitas no último mes do Brasil

Visitas no último mes desde Arxentina

  Gostaría que houbese maior seguemento desde o propio Estado e do meu país, Galiza. Mas hai custes que debes asumir cando ún é como é (para o bon e para o malo) e cando pensa como pensa. 

Visitas no último mes desde España

   Aínda así segue habendo un número moi importante de visitas procedentes de lugares un pouco raros, a verdade. As cousas como son.

Visitas no último mes desde Vietnam

Visitas no último mes desde Rusia

 Cheguei á conclusión de que a Intelixencia Artificial pode estar detrás deste incremento tan espectacular. Hai pouco abrín un post redactado en galego normativo e deille a traducir ao inglés coa propia pestana que hai no blogue. A tradución quedaba perfecta. 

    Desde que entrei de cheio co tema fotográfico hai maior seguemento de blogue. É evidente. Supoño que agora premes en goggle " cámaras Bridge", "OM-1 e Zuiko", "fotografía pájaros"... e sae Bichos. Quero pensar que moitas destas novas visitas proceden tamén do mundo naturalista, pero iso é algo que nunca saberei. Os comentarios, antes relativamente habituais, desapareceron até converterse en mera anécdota (non pasou só neste blogue). 

    Aproveito esta "efeméride" para informar dalgo que non gostará a algúns seguidores e seguidoras. Estou barallando a posibilidade de facer o blogue monolíngue en español, incluíndo o cambio do título, que pasaría a ser "Bichos y demás familia".

  Por desgraza a língoa dos meus pais xa morreu coma língua formal na comarca de Ferrol. É certo que quedan os vellos de oitenta anos que aínda falan galego. E as xentes do entorno nacionalista, por suposto. Pero nas ruas do barrio actualmente resulta máis doado escoitar árabe que galego. Literalmente.  Hai quen o ve normal. Eu desde logo non.

  Ademais dase algo paradóxico. Na fala diaria resúltame moito máis doado empregar o galego que o español. De feito cando no traballo ou na comunidade de veciños teño que falar en español con xente de fóra (andaluces, colombianos, vietnamitas, etc) cústame moito completar as frases sen meter algo en galego. Dígoo en serio. Sen embargo cando escrebo síntome máis cómodo no idioma de Cervantes. Quizá porque a maioría dos moitos libros que teño lido foron nesa língua e non foron na de Castelao e Xosé Manuel Beiras (un referente histórico do soberanismo galego que finou ontes, DEP).

   Termino cunha foto que moitos e moitas de vós nin coñeceredes. É a portada de "Bichos e demais familia" no seu formato orixinal, non a versión para telefones móbeis. Se é a primeira vez que me ves acubillado detrás desa enciña significa que nunca antes liches Bichos no monitor dun PC.

Portada orixinal deste blogue (graciñas pola foto, Miguel!)

PD: Estou a pasar unha situación persoal e familiar moi dura. Se alguén vai soltar os típicos tópicos sobre a língoa pediría que aforre esa viaxe. Discursos teóricos non, por favor. Obrigado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos