Seguidores e seguidoras

mércores, 21 de outubro de 2026

Comeza o outono

  Por fin rematou ese interminable verán ao que xa nos ten acostumados o cambio climático. Se no día 7/10/2026 tiñamos en Ferrol a primeira máxima diaria inferior aos 20ºC, esa tendencia consolidouse a pasada fin de semana cunha baixada importante tanto das temperaturas máximas como de mínimas, mentras que nas comarcas más frías de Ourense e Lugo xa se deron as primeiras xeadas (-5ºC onte en Calvos de Randín).

   Agora faltan esas chuvias persistentes durante días ou semanas que caracterizan o clima galego.

Chuvia caendo sobre Ferrol
OM-1 + Panasonic 14-42 mm  f:5,6   ISO:400   V:1/200   F:6,3

   Este enfriamento da atmosfera veu acompañado coa aparición dalgunhas especies invernantes á comarca de Ferrol e Golfo Ártabro, coma tordos reais (Turdus pilaris), tordos malvises (Turdus iliacus) ou mergo cristado (Mergus serrator). Hoxe daba unha volta rápida pola ría de Ferrol para ver se había novidades.

Ría de Ferrol desde Maniños (Fene)

 No centro da ría avistaba unha acuática mergulladora non identificada. Probablemente sería un corvo mariño real ou cristado, pero nalgunha foto parece quizá unha mobella.  Xa podería haber algún mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) mas non vin ningún.

Acuática mergulladora sp (Gulosus ou Gavia, seguramente)

 O inverno pasado tivemos unha lavandeira enloitada (Motacilla alba yarrellii) que pasou toda a estación nos peiraos de Barallobre (Fene). Esta semana apareceu un exemplar que por jizz semella tamén unha branca británica. Non puiden verlle a mitra negra nin sacarlle fotos boas, mas eses laterais de cor cincento tan escuro tiñan pinta de yarrelli (un xoven de 1º inv. ou unha femia).

Lavandera blanca (Motacilla alba ¿yarrelli?)

Lavandera blanca (Motacilla alba)

  No século XXI a aguia pescadora pasou de ser unha especie escasa e presentes case exclusivamente na migración a ser común e habitual coma invernante en humidais de todo tipo, coma encoros ou rías. Fáiseme raro (pero bonito) vela todos os anos no fondo da ría de Ferrol.

Aguia pescadora (Pandion haliaetus). Desde aprox. 250 m con autodisparo sobre tripé

  En Neda viven Simón e Gabriel, dous irmáns paxareiros de Neda. Ún deles (non lembro quén) comentárame que falara cun colega mariscador para situar unha das estacas cerca da ribeira para poder fotografar á pescadora. Unha boa iniciativa, rapaces!

Aguia pescadora (Pandion haliaetus). Imaxe con recurte importante

   A mala nova da xornada é que o teleconvertidor MC1,4x parece que cascou de vez. Logo dunha caída da cámara en Moeche esta primavera, tivérao a reparar na casa dun compañeiro de traballo e fotógrafo. Pensei que quedara arranxado pero definitivamente semella que agora non hai bon contacto dos pines. Monteino ao Zuiko 300 e non focaba. Así que tiven que disparar só co 300 mm, unha estupenda óptica pero moi xusta de focal cando tes o bicho a 250-300 m.

Aguia pescadora (Pandion haliaetus). Toma desde aprox. 250 m

  Cambiando de tema, éste é un blogue principalmente naturalista, mas sabedes que tamén opino sobre temas de actualidade que me parecen importantes. Hoxe vin un titular gravísimo:


  Que Milei é unha persoa con algún tipo de desequilibrio mental semella obvio. Non o digo só polo seu aspecto senón polas súas estrafalarias declaracións. E que representa o que representa tamén (dame noxo cando emprega o termo "libertario" para se definir). Mas estas declaracións, realizadas en territorio español parécenme dunha gravidade extraordinaria.

 Nunca votei ao PSOE nin probablemente o farei. E detesto en que se converteu a socialdemocracia por influencia da ideoloxía woke-podemita, o cancro ideolóxico do actual século. Mas definir ao presidente español como o define e insinuar o que insinúa debera ter consecuencias diplomáticas inmediatas. Vaia todo o meu apoio ao PSOE diante deste ataque intolerable.

  Venme á memoria un episodio en que o presidente de Venezuela fixera graves acusacións contra o expresidente Aznar e o presidente Zapatero interviñera defendéndoo. Desde a discrepancia con úns e outros, está claro que non todos son iguais. Hai demócratas, cos que podo estar en desacordo, e auténticos dementes próximos ao fascismo. Coma o chalado da motoserra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos