Seguidores e seguidoras

sábado, 31 de outubro de 2026

Teixugo (Meles meles). Por fin!!

   Hoxe vivín un momento longamente esperado. Antes realizaba unha mostraxe nocturna por terras de Santa mariña do Monte (San Sadurniño).

Probable gato doméstico

   Un bicho que non falta nunca é o gato doméstico, gravísimo problema ecolóxico que temos polos danos incalculábeis que causa á fauna (algún estudio falaba de millóns de vertebrados afectados só no Reino Unido).

  Sen embargo esta madrugada observaba e fotografaba os ollos de dous mamíferos que non puiden identificar. Estaban xuntos e ún deles moveuse lentamente aproximándose ao outro. Por desgraza non teño nin idea do que podían ser, pero unha cousa semella clara: non eran gatos. Comparade a distancia intraocular de úns e outro.

Mamífero sp Nº 1

 Nen sequer puiden apreciar o seu tamaño pois nen tiña clara a distancia. 

Mamífero sp Nº 2

    Nesta época en que todo se sabe de maneira inmediata o misterio dunha observación deste tipo mantén o seu encanto. Pasáronseme varias cousas pola cabeza. Incluso ésta:


   Cando fago estes transectos de noite non é raro que deba frear o carro para non atropelar algún tordo,  paseriforme moi abondoso que gosta de pousar nas estradas.

Tordo músico (Turdus philomelos) pintando a mona

  Ese momento tan esperado foi a observación directa dun teixugo con luz escasa pero diurna.

Teixugo (Meles meles) 

  Nese ponto máxico que é o cruce das Regas aparecía un teixugo adulto correndo coma se fose Drácula para meterse na teixoeira antes da saída do sol. Lamentablemente eu apartárame do cruce e estaba a uns 30 m de distancia. Foi unha mágoa, xa que o porco teixo (como tamén se coñece) colleu dirección polo "Camiño das martarañas". Deume o tempo xusto a sacar estas fotos. Cando cheguei alí correndo o animal xa desaparecera e non puiden ver cara ónde se dirixía.

Teixugo (Meles meles) 
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:25600   V:1/160   F:4
  
  A parte boa é que tiña a cámara coa configuración máis axeitada para estes disparos: sensibilidade no máximo de ISO nativo para poder dispor dunha velocidade aceptable e enfoque preditivo en modo "mascotas", que vai moi ben para mustélidos. Nesas circunstancias de luz e movimento do suxeito difícilmente podería tomar fotos mellores. Por certo, iso escuro que se ve á dereita no bordo dereito da terceira foto é o meu carro. Pasou mesmo a carón do meu aparcadoiro. 

Teixugo (Meles meles) a ponto de desaparecer polo "Camiño das martarañas"

    O teixugo está amplamente distribuido na comarca de Ferrol, onde semella ter unha grande disponibilidade de hábitats óptimos, non sendo tampouco unha especie demasiado esixente. Teño atopado rastros en bosques caducifolios inundábeis (Terra Chá), áreas de montaña con repoboacións de piñeiros (Xistral, Capelada) ou mosaicos agropecuarios coma Moeche. Se a memoria non me traiciona tamén en sistemas de dunas grises litorais como A Frouseira.

Hábitat de teixugo (Meles meles)

"Camiño das martarañas", por onde o perdín de vista

Hábitat de teixugo (Meles meles)

 Como anécdota da xornada poño un pantallazo co que a I.A. de Observation poñía para identificar logo de subir a foto do teixugo. Debeu afectarlle o cambio de hora.

Observation cunha "ida de pinza" memorable

  A verdade é que o paseo de hoxe polas Regas de Moeche foi moi entretido.

Picapau grande (Dendrocopus major)

  Xa temos varios dos paxaros invernantes típicos, coma picas dos prados, tordos rubios ou úbalos eurasiáticos, dos que vía o primeiro grupiño nos ameneiros habituais. 

Úbalos eurasiáticos (Spinus spinus)

  Outra xornada que gardarei na memoria e que supón o resultado dun esforzo de moitas horas de espera ao mencer. Igual ata volto mañá por se volve aparecer, ainda que isto non será tan doado coma ver martarañas en primavera.

   Non podo evitar finalizar a entrada cunha mención ao mestre Don José Curt Martínez (DEP), con quen tiven a fortuna de manter unha boa amizade persoal (e un grande agarimo mutuo) nos últimos anos da súa extraordinaria vida. Comentárame que unha vez tivera ocasión de comer porco teixo, penso que nunha aldea da montaña galega. Porque o porco teixo cazábase para comer, algo que sorprenderá máis de ún. Explicárame que a súa carne tiña realmente unha grande semellanza coa do porco e comprendera daquela por qué se lle chamaba tradicionalmente "porco teixo".

  E coma pequena homenaxe ao vello mestre poño un anelace a un artigo do Diario de Pontevedra publicado en 2019 logo do seu pasamento (pedíranme permiso para publicar a miña foto e texto):

 Vémonos no próximo post.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos