Seguidores e seguidoras

sábado, 22 de novembro de 2025

Restaurando fotos antigas: mobella grande (Gavia immer)

 Achegámonos ao solsticio de inverno e os días son cada vez máis curtos. Ás  8,00 h era case de noite na ribeira. Deume un ataque de fotógrafo e fixen unhas humildes composicións cos reflexos das luces na auga da ría:

Estaleiro de Navantia-Ferrol. Autodisparo sobre apoio natural (baranda de pedra)
Sony RX10 III (focal 115 mm equiv.)   ISO:200   V:1/4    F:4

  A verdade é que puiden pechar un pouco o diafragma (despistes do momento). Esperaba ter que reducir moito grano nas zonas de sombra mas atopei moi pouco durante o revelado.

Estaleiro de Navantia-Fene. Autodisparo sobre apoio natural (baranda de pedra)
Sony RX10 III (focal 105 mm equiv.)   ISO:100   V:1/2   F:5

   Coa Olympus OM-1 podes sacar fotos de máxima calidade até ISO1600. Coa Sony RX10 III nese rango de sensibilidade as eivas de detalle ou ruido son moito máis patentes pero poden tomarse fotos moi válidas a pouco que as editemos. Mesmo a ISO3200, se o bicho está perto.

Rabirrubio tizón (Phoenicuros ochruros)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv.)   ISO:1600   V:1/60    F:4

  E agora inauguramos nova sección en Bichos: "Restaurando fotos antigas". Nesta sección imos ver fotos xa publicadas no seu momento das que tiven o bon xuízo de gardar unha copia en RAW. Eses RAW, editados agora con todo o que aprendín e co novo software, han quedar moito mellor que cando as publiquei. Hoxe comezamos cun clásico da ría de Ferrol: a mobella grande.

 Poño unha serie tomada na  ría de Ortigueira en decembro de 2015, hai case dez anos. Tiradas cunha das miñas queridas Canon SX (a SX60 concretamente), unhas cámaras que adoro e que sempre recomendei a todos os que me preguntaban por modelos bridge para mercar.

Mobella grande (Gavia immer)
Canon SX60 (focal 1320 mm equiv.)   ISO:200   V:1/400    F:7,1

Mobella grande (Gavia immer)
Canon SX60 (focal 1320 mm equiv.)   ISO:200   V:1/400    F:6,5

Mobella grande (Gavia immer) papando signátidos (Fam. Syngnathidae)
Canon SX60 (focal 1320 mm equiv.)   ISO:160   V:1/400    F:6,5

Mobella grande (Gavia immer)
Canon SX60 (focal 1320 mm equiv.)   ISO:160   V:1/500    F:6,5

Mobella grande (Gavia immer)
Canon SX60 (focal 1320 mm equiv.)   ISO:200   V:1/400    F:6,5

  Por desgraza teño moitas fotos das que só gardei recurtes JPEG. Algunhas delas realmente boas e mesmo irrepetíbeis. Afortunadamente entroume o sentido común e comecei a gardar os RAW daquelas tomas que resultaban de interese. Unha sabia decisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos