Seguidores e seguidoras

domingo, 2 de marzo de 2025

02/03/2025 P.N. de Enciña da Lastra

    Onte volvía saír fóra de Ferrol, logo dun período de sedentarismo voluntario. Atravesando todo o país achegueime ao Parque Natural de Enciña da Lastra, no estremo SE de Galiza.

Contorna de Vilar de Silva

Val do río Galir

  As datas non son as idóneas e ademáis levantábase vento de nordés, bastante frío (cando cheguei había 2ºC nas partes baixas).

Paisaxe da Lastra

  Aínda que ten zonas moi interesantes pola súa biodiversidade única a nivel galego, a maior parte da superficie do parque natural está altamente degradada, con repoboacións de piñeiros, ladeiras afectadas polo lume, liñas de alta tensión, canteiras, infraestruturas viarias, etc. Custoume caro tomar estas fotos sen que aparecesen as dichosas liñas de alta. 

Castelo (á dereita da imaxe)

    Sempre pensei que un cidadán europeo que veña aquí e vexa o estado dos nosos parques naturais debe de flipar por colores. Pensará que se temos así as zonas máis protexidas e de maior valor ecolóxico cómo teremos o resto do territorio (e non se equivocaría!).

Río Galir

Biobra

 A pesares de todo, Enciña da Lastra mantén aínda unha riqueza biolóxica incomparable, debido en parte á súa situación xeográfica, nunha área de forte influencia mediterránea e caliza (nunha rexión dominada polos substrato silíceo como é todo o oeste peninsular).

  Realicei dous transectos, sendo moito máis produtivo o primeiro, cando todas as aves se mostraban máis activas. Na contorna de Pardollán fago sempre o "roteiro dos bicogrosos", un simpático frinxílido rarísimo en Galiza que conta aquí cunha importante poboación reprodutora. Poño a listaxe de especies observadas copiada de ebird.


Ferreiro real (Parus major)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/400   F:4

  Cos bicogrosos botei de menos a P1000, que para esas cousas é insustituible.

Bicogroso europeo (Coccothraustes coccothraustes). Imaxe moi recurtada
Nikon P950 focal 2000 mm   ISO:200   V:1/400   F:6,5

    Coma sempre, os bicogrosos estaban moi aquerenciados dos chopos, onde se alimentan dos rebentos que brotan nesta época do ano.

Chopo (Populus nigra) agromando

Pardollán

     A mediodía marchei porque non había moita cousa visible. Facía frío para réptiles e só vin un par de lagartixas e este xuvenil de lagarto arnal.

Lagarto arnal (Timon lepidus) xuvenil

    Termino cunha desas imaxes que vale más que mil palabras: o monte Maluro onte.

Monte Maluro (1.931 m) a día 01/03/2025

  Suponse que nestas alturas do ano había estar branco pola neve, mas case non tiña. Comparade con estoutras fotos tomadas case dous meses máis tarde hai trece anos:


Monte Maluro o 23/04/2012

     Cousas do cambio climático que "non existe".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos