Seguidores e seguidoras

domingo, 16 de marzo de 2025

16/03/2025 Comeza a "Operación Mustela" e consellos sobre edición dixital

 A mellor época para observar mustélidos activos de día é a que vai de abril a agosto. Este ano comezamos a "Operación Mustela" un pouco antes do habitual.

Paisaxes do Xuvia

    Nunha xornada fría para estas alturas do ano achegábame ata o meu local patch primaveral de As Regas (Moeche). O termómetro do carro indicaba -2ºC. Non está mal.


  Estas mostraxes de carnívoros serven máis que nada para controlar a poboación de aves reprodutoras, aínda que de cando en vez cae algún mustélido ou mamíferos maiores coma raposo, corzo ou xabalí.

As Regas de Moeche ao mencer

    Fixen o transecto principal (1,27 Km), que divido sempre en dúas listas en cumprimento do protocolo de ebird. Aquí vos poño o resultado conxunto do transecto. Coma sempre taxóns básicamente eurosiberiáns. Ata maio non voltan os picanzos e os boto de menos.


  Debido ao frío terminei cos dedos semiconxelados. Cando me pasa iso cústame moito fotografar, especialmente porque perdes a sensibilidade no botón de enfoque e para coller foco tes que premer co dedo todo, movendo así o corpo da cámara (algunha foto quedou ben).

Peto verdeal ibérico (Picus sharpei) realizando o canto territorial

Ferreiro real (Parus major)
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/160   F:4

Colonia de pardais comúns (Passer domesticus)

Cardeal europeo (Pyrrhula pyrrhula)

Cardeal europeo (Pyrrhula pyrrhula)
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/400   F:4

Sony RX 10 III focal 45 mm   ISO:64   V:1/320   F:4

         PARTE 2: edición dixital en recurte extremo

   Polo mesmo prezo vai outro post no que vos contarei algún dos "trucos" que emprego para mellorar a calidade das fotos, tomadas moitas veces desde unha distancia enorme ou cunha luz malísima. Comezamos cun verderolo. Mirade que recurte lle fixen. Falamos dunha imaxe tomada coa Sony RX10 (sensor de unha polgada) e a a ISO 800. A redución do ruido coa I.A. é a mellor opción.


Verderolo europeo (Chloris chloris)
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:800   V:1/250   F:4
 
  Teño controlada unha parella de tordos visgueiros reprodutores na zona. É unha especie moi tímida e difícil de fotografar. Un caso perfecto para explicar como fago o recurte extremo. 


Tordo visgueiro (Turdus viscivorus). Toma moi recurtada
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/100   F:4

   Ún dos exemplares estaba a uns 50 ou 60 m. A esa distancia cómpre un recurte moi grande. E cando hai que recurtar moito pois canto máis baixo sexa o ISO mellor. A Sony permite un ISO mínimo de 64 e ata alí baixei, o cual me obrigou tamén a baixar a velocidade de obturación ata un absurdo 1/80 seg. Apoiei a cámara nunha estaca pero ainda así o bicho saíu lixeiramente desenfocado e con trepidación. E por suposto a un tamaño moi cativo.

Tordo visgueiro (Turdus viscivorus)
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:64   V:1/80   F:4
 
   A foto orixinal non vale para nada. Todo un desafío que necesitaba dun procesado esixente para poder publicar unha foto na que se vise ben a especie cando menos.

Recurte aplicado ao RAW

  Logo de escoller un recurte axeitado, para que o bicho se vexa ben, comeza o procesado. Ademáis de traballar parámetros básicos coma exposición, temperatura de color, contraste ou enfoque, adoito escoller un obxecto. O Lightroom dispón de varias ferramentas parecidas. Podemos ver se o "obxecto" está ben definido dándolle unha sobreexposición máxima, por exemplo.

"Obxecto" escollido sobreexposto

     Unha vez comprobado que está ben de contorno recuperamos a exposición normal e aplicamos un enfoque selectivo. Neste caso un 45%. Máis arriba notábase moito a "dixitalización".


  Os sensores bridge son moito máis pequenos que os de unha reflex APSC ou Full-frame. Por tanto as fotos son máis "planas", ao non haber case desenfoque do fondo. Se facemos un recurte tan grande como éste as herbas do campo han saír tan enfocadas coma o propio tordo. Unha ferramenta que adoito empregar para aumentar o desenfoque é o filtro radial. O que fago é escoller o suxeito e "invertir" o filtro de maneira que os efeitos que determine se apliquen ao fondo, non ao bicho.

Invertindo máscara de filtro radial

  Igual que no caso da máscara obxecto podemos aplicar unha sobreexposición ou subexposición extrema para comprobar a contorna afectada do filtro que conformamos.

Comprobando a contorna do filtro radial
 
  Despois volvemos á exposición normal e aplicamos o efecto que queramos. Neste caso un desenfoque dun -25% (tamén baixei a "claridade" un pouquiño). Así conseguimos que o tordo teña máis "protagonismo" na composición ao ser a cousa mellor enfocada.


  Logo de todo este procesado conseguimos que unha foto que non valía para nada se converta nunha imaxe publicable na que se aprecian perfectamente os rasgos diagnósticos da especie. E quedaría moito mellor se eu non estivera tremendo polo frío e cos dedos conxelados, volo podo garantizar.

Tordo visgueiro (Turdus viscivorus). Toma moi recurtada
Sony RX 10 III focal 600 mm   ISO:64   V:1/80   F:4

     Moitas veces me consultan sobre qué cámara bridge comprar. Persoas de Galiza e de fóra do país. Ún dos consellos que sempre dou é que primeiro aprendan nocións básicas sobre fotografía. Se pretenden lograr fotos boas disparando en automático van jod...iso. O segundo consello é que instalen algún programa de edición dixital, ben gratuito ou ben de pago (eu teño Lightroom de pago por 12 euros/mes). É unha maneira de potenciar os vosos equipos.
   Debedes entender unha cousa. A edición dixital non serve só para "mellorar" as fotos e que queden máis bonitas. Literalmente aumenta a distancia focal dos vosos equipos (se o facedes ben). Estes tordos visgueiros foron fotografados cunha focal de 200 mm equivalente a un 600 mm, pero logo dun procesado meticuloso o resultado é moi semellante ao que se tería feito cunha focal de 1200 ou 1500 mm. Todo isto que digo será unha herexía para un fotógrafo, pero podo asegurarvos que é tremendamente útil para os naturalistas que empregamos a fotografía coma ferramenta. 

 Para calquera consulta aquí me tedes, coma sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos