Onte ao saír do traballo fixen unha visita moi breve ao encoro das Forcadas (aproveito para saúdar ao alunado da Escola de Arquitectura da UDC e á profesora Emma López Bahut; unha mágoa non poder estar hoxe convosco por aló).
Vivimos tempos de "vacas fracas" no relativo á biodiversidade e ademáis as horas do mediodía non son as mellores para a observación naturalista, así que o campo estaba en absoluto silencio. Non se escoitaba un paxaro e só rachaba a monotonía o paso dalgunhas boboretas ou libeliñas en vóo. O panorama era certamente desolador... ata que topei con este personaxe:
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 ISO:1600 V:1/400 F:5,4
Unha eiruga atravesaba o asfalto ignorando o perigo que representaba o paso de veículos ou a aparición dun posíbel depredador. Por suposto saqueina dalí e decidín tomarlle unhas fotos, cousa que non foi doada. En canto a toquei comezou un curioso display defensivo arqueando o corpo a un lado e a outro alternativamente dun xeito moi brusco. Custoume collela sen mancala.
Na imaxe pódese apreciar o grande tamaño desta eiruga: arredor duns 90-100 mm, a máis grande que nunca vin. Tiña un calibre pé de rei no coche mas non fun quen de medila (cada vez que o tentaba facía "a roda" e non quería forzala). Alomenos puiden completar unha boa serie fotográfica nos improvisados "estudios de fotografía" que se me ocorreron para ter o bicho tranquilo. Por exemplo a pantalla do teléfone móbel disposta sobre o gallo dunha póla:
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli) sobre o teléfone
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:1600 V:1/250 F:5
Tradicionalmente a orde dos lepidóteros dividíase en dúas sub-ordes:
- "Ropalóceros" para se referir aos lepidópteros diurnos, que no noso idioma denominamos co fermoso nome de bolboretas
- "Heteróceros" para se referir aos lepidópteros nocturnos, que en galego chamamos co non menos fermoso termo de avelaíñas
Non é o meu campo mas semella que esta taxonomía está en discusión e xa foi cambiada por cousas da filoxenética. En calquer caso dentro das avelaíñas a familia
Sphingidae é sen lugar a dúbidas a máis espectacular. Tanto polo tamaño e aspecto dos imagos como polo tamaño e aspectos das eirugas, que se contan entre as máis grandes de todos os insectos europeus. Ademáis, en moitas especies as larvas amosan
mimetismo batesiano; quer dicer, "parecen" outra cousa para despistar ou mesmo facer fuxir a un hipotético depredador. No caso de onte, a eiruga tiña unha forma moi particular na parte posterior do corpo, que semellaba a cabeza dunha cobra, con "aguillón" incluido para mellorar a
performance. Durante o
display defensivo escondía a cabeza facendo unha roda e deixaba como parte máis visíbel esta "cabeza de serpe demoníaca". Óscar ao mellor actor de reparto.
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli). Detalle parte posterior
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:1600 V:1/200 F:5,6
Ocorréuseme poñela sobre a tapa dun contedor de lixo, onde a eiruga comezou a camiñar con normalidade e puiden sacar fotos de corpo enteiro.
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:400 V:1/400 F:8
Na seguinte imaxe vese moi ben o aspecto da cabeza, que esconde no meio do corpo diante dunha ameaza para deixar á vista a cabeza de serpe" da cola. A maioría das fotos foron fetas cos aneis de extensión Meike e a focais curtas do Zuiko (100 mm, equiv a 200 mm).
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:1600 V:1/1000 F:5,6
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:800 V:1/500 F:5,6
A esfinxe das corriolas (ou corregolas, segunda a Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García) distribúese por todos os continentes agás América. Como indican os seus nomes galego e científico, a planta nutricia das larvas é a corregola (Convulvulus arvensis), moi abondosa en entornos florestais e sombrizos da zona.
Distribuizón da especie. Mapa collido de Internete
Poño unha foto dun adulto, tamén collido da rede:
Imago de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli). Imaxe de Internete
En canto baixen as temperaturas a nosa eiruga enterraráse no chán pasando á fase de crisálida, para logo emerxer como adulto na proxima primavera. Un bicho espectacular, non si?
Eiruga de esfinxe das corriolas (Agrius convolvuli)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3 + Meike 36 mm ISO:400 V:1/640 F:7,1
E cambiamos de avelaíñas a avelaionas, que non teñen nada que ver. Porque esta madrugada vivía unha segunda sorpresa cando espertaba ás tres da mañá e, medio durmido aínda, escoitaba laiarse a ún dos moitos cadelos que ladran noite si e noite tamén no meu barrio. Pechei a ventá coa sensación de que aqueles ladridos eran diferentes e estranamente familiares, mas non fixen moito caso e boteime na cama para tentar coller o sono de novo.
Pasou unha hora e de súpeto aqueles laios comezaron oírse á altura da miña ventá (vivo nun sexto andar!). Nese momento xa comprendín que aquilo non era un can senón unha das nosas rapinas nocturnas máis comúns: a avelaiona da fraga. Erguinme disparado e fun un correndo coller a cámara. Púxenlle o Panasonic, algo máis luminoso. Claro que ás catro da mañá non é que haxa pouca luz... simplemente non hai luz. Como puiden saqueille un par de fotos, primeiro con ISO 10000.
Avelaiona (Strix aluco). Foto aclarada a + 4,0 con Lightroom
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:10000 V:1/40 F:5,6
Logo subín case ao ISO máximo e, apoiando a cámara no marco da ventá, baixei até 1/6 seg rezando para que se vise algo. Lóxicamente a foto non vale para nada mas polo menos distínguese máis ou menos o que é. Son as primeiras fotos que tomo de avelaiona da fraga e aínda por riba desde a miña casa no centro de Ferrol. Aínda non mo creo.
Avelaiona (Strix aluco)
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO: 65.500 V:1/6 F:5
Para maior ledicia resultou que non había unha soa avelaiona, senón dúas! Puiden escoitar moi claramente cómo se chamaban e contestaban dous exemplares (cunha voz diferente do canto típico), pousados en antenas dos edificios. Segundo a aplicación Merlin facían un dueto, entendo que propio dunha parella, o cal resulta máis interesante aínda.
Xa de día tomei unhas fotos do hábitat onde os escoitei e observei. Un entorno completamente urbano, aínda que nas cercanías hai varios pequenos parques dos que xa vos teño falado aquí. En círculo laranxa marco as antenas onde vin pousado ún dos individuos.
Antenas onde pousaba e cantaba unha das avelaionas
A outra contestaba desde un ponto máis próximo á Estrada de Castela
Completo o escenario coa ortofoto de google maps que ten eBird e onde se mostra toda a contorna da observación (o ponto azul).
.jpg)
Hábitat urbano da observación (ponto azul/branco)
Botei un bon rato desfrutando esta inesperada observación, que é a primeira desde que vivo no barrio do Inferniño. Tendo en conta que a avalaiona da fraga é un ave moi sedentaria nas nosas latitudes imaxino que sería unha parella de exemplares de segundo ano en dispersión. Xa pensara na posibilidade da súa existenza nos parques máis importantes da cidade de Ferrol (O Parque Raíña Sofía ou O Cantón de Molíns). Quizá estes dous proveñan dalí. Haberá que estarmos atentos.
Última hora. Cando son as 21,30 h do venres volvo escoitar a chamada da avelaiona desde a miña casa. Xa teño a cámara preparada polo que poida pasar esta noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos