Seguidores e seguidoras

xoves, 18 de setembro de 2025

Histórico lagoa de Valdoviño: limícolas

    Xunto coas anatídeas, as limícolas son quizá a familia máis importante de entre as acuáticas que habitan a lagoa de Valdoviño. Neste post imos coñecer algúns dados históricos das principais especies. Coma no caso dos patos, vou obviar raridades ou especies comúns que aparecen en número irrelevante e de maneira moi iregular.

   Se falamos de limícolas hai que pensar que temos unha única especie reprodutora: a píllara das dunas, habitante típico do frente de praia mas que visita o intermareal da lagoa. Mesmo ten aniñado nas dunas situadas ao N da mesma anos atrás. O resto dos membros desta ampla familia son visitantes de inverno ou, especialmente, durante as pasaxes migratorias. Varios deles teñen nutrida presenza nas migracións mas tamén teñen - ou tiveron - importantes continxentes de inverno, sobretodo con vagas de frío. Falo das de verdade, un fenómeno meteorolóxico inédito no que levamos de século XXI. Por ese motivo no Excel aparecen varias especies con dúas cifras; unha que se correspón coa máxima en migración (M) e outra co récord observado en invernada (Inv).

 
Insisto que falamos dunha lagoa con 88 hectáreas de superficie total cando mantén o seu máximo nível, incluindo masas de xunqueira canaveira. Cando está baleira, a área de intermareal (o unico hábitat apto para limícolas ademáis da praia e sistema dunar) ocupa unha superficie aproximada dunhas 25 ha, incluíndo bancos de lama no sector sur. Pero a maioría descansan e se alimentan nunhas 15 ha dese intermareal. Falamos de concentracións de até 5000 aves nalgúns anos, un dato a termos en conta á hora de valorar a riqueza de aves na Frouseira.

Píllaras reais (Charadrius hiaticula). Frouseira 17/05/2014

Cegoñelas comuns (Himantopus himantopus). Frouseira 21/04/2014
Canon SX50 (focal 1200 mm equiv)     ISO:80   V:1/400   F:6,5

   Hai algunhas rías que concentran habitualmente un número moi superior de limis, especialmente Arousa (que nese aspecto xoga na Primeira División española/portuguesa). Porén, na Frouseira o importante non é só o qué senón o cómo. Noutras localidades galegas poderemos ver moitas máis limícolas, normalmente a distancias enormes imposíbeis para fotografía, por exemplo. Aquí en Valdoviño témolas case ao alcanzo da mao e coas suas galas nupciais durante a pasaxe de Maio. 

Fuselo de rabo pinto (Limosa lapponica). Frouseira 21/04/2014
OM-1 + Zuiko 100-400  f:6,3     ISO:400   V:1/640   F:8

Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica). Frouseira 27/04/2013
Canon SX50   ISO:100   V:1/320   F:8

   Como digo podemos diferenciar a presenza de limícolas na lagoa en dúas categorías:
  • A migración. Unha sedimentación breve, duns días ou semanas coma moito, coincidindo con ventos favorábeis. Básicamente primaveral, pois no outono a lagoa está fecha e con altos níveis hídricos agás casos excepcionais, polo que as limis non dipoñen sequer de sitio para se pousar
  • A Invernada. Neste caso a sedimentación é moito máis prolongada, entre os meses de outubro/novembro a febreiro/marzo. Aquí poderíamos facer mesmo dúas sub-categorías. Por un lado as aves máis propias de praia aínda que tamén visitan a lagoa (píldora cincenta, pilro tridáctilo ou pilro común). Estas especies eran bastante regulares en canto ao seu número, ata que a peste mascotista as expulsou da praia. Por outra banda as especies asociadas ás vagas de frío, típicamente "aves de prado" que empregan a lagoa coma durmideiro nocturno (mazarico real, avefría choromica, píldora dourada, etc). A maioría delas son moi raras neste anómalo século XXI. Nada que ver cos vagas de frío de Xaneiro de 1987 ou decembro de 1997, as últimas "olas de frío" dignas de tal nome.

Avefrías choromicas (Vanellus vanellus)

Píldora dourada (Pluvialis apricaria)
NIkon P1000 (focal 2000 mm)   ISO:640   V:1/250   F:6,3

    E así rematamos esta nova entrada sobre a miña querida lagoa de Valdoviño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos