Pego un artigo publicado polo Damián na prensa coruñesa, de máxima actualidade
Mañá luns, 8 de setembro de 2025, faranse 67 anos do comezo da desecación da lagoa de Antela. Esta gran lagoa de 3.600 hectáreas, no corazón da comarca ourensá da Limia, foi, historicamente, a zona húmida de maior valor ecolóxico de Galicia. Por decisión da ditadura franquista, realizáronse obras de desaugamento entre 1958 e 1964 para aproveitar os terreos ocupados pola lagoa para a agricultura, cunha enorme perda de patrimonio ecolóxico e cultural. O resultado foron terras que perderon rapidamente a súa fertilidade natural, e unha decadencia progresiva a nivel socioeconómico de toda a comarca. A idea dunha restauración hidrolóxica parcial de Antela (e de gran parte da Limia) comezou a coller forza a finais do século XX e comezos do XXI. Houbo varias propostas científicas, ben argumentadas, que se enviaron aos gobernos galego e español.
E houbo un primeiro avance: a finais de 2022 foi aprobado polo Goberno de España o Plan Estratégico de Humedales a 2030, publicado no BOE nº 301. Nese Plan, dentro do apartado 3 «Mejorar y restaurar los humedales y reducir las amenazas», está como meta «(…) conseguir restaurar parcialmente antes de 2030 (…) la laguna de Antela y áreas de su entorno en la depresión de A Limia (al menos 500 ha) (…)». Desde entón, non houbo máis novidades, a pesar do chamamento á acción por parte de tres grupos ambientalistas, entre eles Hábitat, en febreiro de 2024 (*). Tampouco o goberno galego se involucrou neste proxecto. A última novidade en relación coa xestión hidrolóxica da comarca limiá é do pasado mes de xullo, coa publicación da sentenza 00313/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condea á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa inactividade e desleixo fronte á contaminación do encoro das Conchas, no río Limia.
Conclusión: o G. N. Hábitat, xunto a outros grupos, consideramos imprescindible para a comarca da Limia e para Galicia que os gobernos español e galego sexan ambiciosos na súa aposta pola restauración de zonas húmidas limiás e a mellora na calidade das súas augas. Propoñemos tamén á sociedade galega que teña a ben compartir e participar nas actividades que se organicen en relación coa lagoa de Antela en diversas datas marcadas do calendario (Día das Zonas Húmidas, Día da Auga, Día do Medio Ambiente, Día das Aves…), ás que, desde hoxe, propoñemos que se sume o «DÍA DE ANTELA», a celebrar cada 8 de setembro en conmemoración do día no que a lagoa de Antela perdeu a batalla fronte ao “progreso” mal entendido.
(*) https://sghn.org/e-hora-de-recuperar-antela/
Mil grazas Xabi! A celebrar este DÍA DE ANTELA! Unha aperta. Damián
ResponderEliminarGrazas a ti, ou! Non cabe dúbida que nestes momentos persoas coma ti, Xabi Pumariño ou Serafín González sodes as voces do ecoloxismo galego nos medios. Unhas voces máis necesarias ca nunca.
EliminarUn abrazo.