Seguidores e seguidoras

martes, 30 de setembro de 2025

Bichos vintage: " Villafáfila en outubro"

      Finalmente o prognóstico meteorolóxico anuncia bon tempo na Meseta para esta fin semana. Se algún imprevisto non o impede marcharei para Villafáfila este xoves. Quizá é a pior época do ano para visitar aquilo. Todo está seco; a "Tierra de Campos" transfórmase en "Campos de Tierra", que diría o poeta Antonio Machado. A tempada reprodutora rematou mas aínda non comezou a invernada de acuáticas. Para moitas persoas as chairas casteláns e leonesas son lugares inóspitos a evitar nestas alturas. Sen embargo para min Zamora resulta sempre un lugar marabilloso e cun grande ponto de melancolía no outono.

Montado de Castronuevo (coñecido localmente coma "Dehesa del Monte")

   Desde 1999 visitei moitas veces a reserva de Villafáfila, mas nunca nos meses de agosto-setembro, logo da seca. A visita outonal máis temperá que realicei foi tal día coma un 12/10/2012, hai agora case 13 anos. Anda que non sucederon cousas neses trece anos. Case me parece unha encarnación anterior, que dirían as Escrituras da India.

Piñeiral de Salinas, en Otero de Sariegos

     Naquela excursión da miña vida anterior levaba a Canon EOS 500D, unha reflex APSC de gama baixa, cun obxectivo curto e un Canon 70-300 sen estabilización. Dá igual. En Villafáfila disparas cun teléfone móbil sen focar nada e sae algo bonito.

  Lagarteiro eurasiático (Falco tinnunculus)
Canon EOS 500D + Canon 70-300 (s/estabiliz.)


Avetardas grandes (Otis tarda)

 Cotovía cristada (Galerida cristata)


Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe), diferentes exemplares


"Dehesa del Monte"

    Teño previsto ir o vindeiro xoves, día 2 de outubro.  Desde logo esta época é pouco recomendábel para visitar a reserva. Porén é o tempo no que vin as maiores concentracións de pomba seixa da miña vida (máis de 300 exemplares). Unha pomba rarísima en territorio galego pero que resulta común nos aciñeirais zamoranos. Se hai sorte nesta visita atoparei algunhas nun montado próximo a Castronuevo que é coñecido como "Dehesa del Monte".

Pombas seixas (Columba oenas)

 Pombas seixas (Columba oenas)

   Son aves especialmente tímidas e resulta extremadamente difícil achegarse a menos de 500 metros sen que levanten o vó. Non será doado, mas levarei toda a "artillaría" disponíbel.

Pomba seixa (Columba oenas)

  E mentras escrebo estas liñas acabo de enterarme doutra mala nova que afecta á familia máis próxima. Como di o refrán, "cando veñen, veñen todas xuntas".... Vaia mala racha do demo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos