Estamos na mellor época do ano para observar aves migratorias (onte ollei algunha listaxe interesante de Ortigueira). Por levar a contraria ás limícolas eu permanezo en modo sedentario, cunha desgana terrible para conducir e viaxar. Máis aínda cando pasaches a noite en vela (desengancharse de certos medicamentos non é doado).
Gaivotas típicas no seu lugar típico
OM-1+ Zuiko 100-400 mm ISO:1600 V:1/200 F:6,3
A OM-1 traballa sen problema de ruido até ISO:1600. A partir daí xa aparece, e cómpre editalo ben co sotware de que dispoñamos. Cando o gaivotón decidíu darse un baño tiven que subir a velocidade e con ela o ISO. Pensade que estaba a mencer e aínda chovía algo.
Gaivotón atlántico (Larus marinus) bañándose
OM-1 + Zuiko 100-400 mm ISO:12.800 V:1/1250 F:8
Xa temos as clásicas "balsas" de corvos mariños cristados. Por agora están aparecendo exemplares xuvenís. En breve voltarán os adultos.
Grupo de corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis)
Corvos mariños cristados xuvenís
Os lavancos reais están a rematar o proceso da muda, coñecido como "mancada". Algúns machos xa amosan a plumaxe nupcial completa. A primeros de outubro xa a terán todos.
Lavancos reais (Anas platyrhynchos) na dessembocadura do Belelle
Onte en Neda pasaron voando 11 píllaras reais. Esta pequena limícola contaba cunha poboación invernante de 10-20 ex na praia de San Valentín (Fene), antes de que a convertesen en praia canina.
Píllaras reais (Charadrius hiaticula) en vóo
Falando do tema, acaban de repoñer o cartaz que proíbe a presenza de cans na praia de Maniños (Fene). A ver canto tardan en arrincalo desta vez. Da última aguantara varias semanas, penso.
Sinal en Maniños (Fene)
A pequena marisma do Belelle, unha das poucas áreas de xunqueira salgada que mantén a ría, está convertida nun área de lecer para a que a xente camiñe, circule en bicicleta ou pasee os seus cans soltos. Ben, hai cartaces que proíben as bicis e os cans soltos, pero xa sabemos que son cartaces simbólicos. Supoño que os fabrica o familiar dalgún concelleiro. Póñense, que é do que se trata, e logo miramos para outro sitio. Antes ca min chegaba a Neda outro veículo, do cual baixou un matrimonio. Antes de que abrisen o portón eu xa sabía o que había saír do coche: un simpático border collie que se puxo a patrullar toda a zona mentras os donos pasaban diante mesmo do sinal.
Sinal en Santa María (Neda)
A maiores, agora hai unha desas mal chamadas "colonias felinas". Supoño que financiada con cartos da concellalía de Medio Ambiente (a mesma concellalía en Fene montou unha ducha para cans na praia de Maniños). Seguramente eu teño unha noción obsoleta sobre o que é o Medio Ambiente.
Refuxio para unha especie invasora fomentado polo concello de Neda
Estas cousas xa non me enfadan como antes. Dalgunha maneira aprendín a convivir con elas, sendo consciente da sociedade enferma na que vivo. Mellor focarse noutros temas máis agradábeis, como a novísima fragata F-111 que botamos o próximo xoves no estaleiro onde traballo.
Unha xoia tecnolóxica con propulsión mixta (turbina de gas e motores eléctricos). Ocórrenseme varias misións que farían sentirme orgulloso de tela fabricado. Unha da ONU frente ás costas de Israel; outra propia frente as costas de Marrocos e o Sáhara Occidental.
Fragata F111 Bonifaz na grada
Esperemos que a botadura saia ben e que a emérita non tropece no palco antes de chegar á botella.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos