Seguidores e seguidoras

martes, 23 de setembro de 2025

Parrulo eurasiático (Aythya ferina), de especie común a raridade.

  Hai uns días chamábame a atención que algúns observadores daban ao parrulo aurasiático, outrora unha anatídea común en moitos humidais galegos, o tratamento de raridade. Foi nunha lagoíña de Xove-Lago, onde puiden ler que un observador mencionaba un Aythya ferina coa matización "xa citado por fulano de tal".

 Comprendo perfectamente este tratamento, pois o declinio da especie foi realmente espectacular nas últimas décadas. E falo a nível peninsular. Se alguén ten curiosidade pode buscar en Internete censos da lagoa aragonesa de Gallocanta nos anos oitenta e pode caer de cú co que atope (falamos de censos de deceas de millares de exemplares). Galiza somos un país carente de humidais importantes mas até os anos noventa era normal ver concentracións de 100-400 exemplares nalgunhas lagoas, encoros e mesmo rías como Ribadeo ou Vigo. Xa publiquei ese censo propio de 475 parrulos en Valdoviño, censados con binoculares aló por marzo do 93.

Parrulos eurasiático (Aythya ferina) na Frouseira (3/11/2012)
Canon EOS 500D + Tamrom 70-300 f:5,6   ISO:200   V:1/320   F:6,5

  O noso medio está a mudar de maneira acelerada. Paisaxes ou especies que antes eran comúns están a desaparecer. Por iso insisto tanto en que tomedes rexistro fotográfico do que estades a vivir os rapaces novos, porque dentro dunhas décadas todo vai ser moi diferente.

  Cando tomei estas fotos de parrulos eurasiáticos non era consciente do valor que lles daría unha década despois. Mágoa non ter imaxes da época en que comecei a bichear (daquela o da fotografía era cousa exclusiva de "fotógrafos"). Se tivese cámara nos anos oitenta ou noventa agora disporía de imaxes con valor incalculábel. Aproveitade agora que moitos e moitas de vós dispoñedes desa ferramenta!

Parrulo eurasiático (Aythya ferina) na Frouseira (26/12/2015)
Canon SX60  (focal 1365 mm equiv.)   ISO:200   V:1/320   F:6,5

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos