Seguidores e seguidoras

martes, 23 de setembro de 2025

Parrulo eurasiático (Aythya ferina), de especie común a raridade.

  Hai uns días chamábame a atención que algúns observadores daban ao parrulo aurasiático, outrora unha anatídea común en moitos humidais galegos, o tratamento de raridade. Foi nunha lagoíña de Xove-Lago, onde puiden ler que un observador mencionaba un Aythya ferina coa matización "xa citado por fulano de tal".

 Comprendo perfectamente este tratamento, pois o declinio da especie foi realmente espectacular nas últimas décadas. E falo a nível peninsular. Se alguén ten curiosidade pode buscar en Internete censos da lagoa aragonesa de Gallocanta nos anos oitenta e pode caer de cú co que atope (falamos de censos de deceas de millares de exemplares). Galiza somos un país carente de humidais importantes mas até os anos noventa era normal ver concentracións de 100-400 exemplares nalgunhas lagoas, encoros e mesmo rías como Ribadeo ou Vigo. Xa publiquei ese censo propio de 475 parrulos en Valdoviño, censados con binoculares aló por marzo do 93.

Parrulos eurasiático (Aythya ferina) na Frouseira (3/11/2012)
Canon EOS 500D + Tamrom 70-300 f:5,6   ISO:200   V:1/320   F:6,5

  O noso medio está a mudar de maneira acelerada. Paisaxes ou especies que antes eran comúns están a desaparecer. Por iso insisto tanto en que tomedes rexistro fotográfico do que estades a vivir os rapaces novos, porque dentro dunhas décadas todo vai ser moi diferente.

  Cando tomei estas fotos de parrulos eurasiáticos non era consciente do valor que lles daría unha década despois. Mágoa non ter imaxes da época en que comecei a bichear (daquela o da fotografía era cousa exclusiva de "fotógrafos"). Se tivese cámara nos anos oitenta ou noventa agora disporía de imaxes con valor incalculábel. Aproveitade agora que moitos e moitas de vós dispoñedes desa ferramenta!

Parrulo eurasiático (Aythya ferina) na Frouseira (26/12/2015)
Canon SX60  (focal 1365 mm equiv.)   ISO:200   V:1/320   F:6,5

2 comentarios:

  1. Un post para reflexionar, a verdade. Eu son moi novo e non tiven tempo de apreciar realmente estes cambios, pero lendo diferentes artigos na rede (as túas entradas, por exemplo) doume conta do deterioro que experimentou o medio no noso país (e parece que na maior parte do mundo) nos últimos anos. Dá auténtica pena, e algo de medo de onde irá parar o asunto...Por certo, grazas ao teu consello empecei a facer fotos de paisaxes, nin se me ocurrira.
    Roi Otero

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá de novo Roi.
      Supoño que esta alteración antrópica do mundo que nos rodea existíu desde que nós estamos aquí. Porén semella razonable pensar que debeu haber momentos en que esa alteración se acelerou ou xirou nalgún sentido. Ocórreseme por exemplo o paso do Paleolítico ao Neolítico coa aparición da agricultura e a gandairía coa súa expansión polo mundo adiante. Ou a Revolución Industrial do século XIX. Probablemente desde finais do século XX e comezos do actual estamos a vivir outra "aceleración" desa alteración medioambiental por parte do Ser humano.
      Penso na Globalización (que actúa como vector esencial para as especies invasoras), penso na agricultura intensiva e pesticidas diversos; penso no abandono definitivo da actividade agropecuaria nos países occidentais porque as cousas de comer xa as producen en Perú ou China; penso no incremento exponencial da superficie da rede viaria asfáltica (onde morren millóns de vertebrados e invertebrados cada día)... e por suposto na nova pandemia mascotista polo que todos sabemos.
      En fin, supoño que aos naturalistas da miña xeración tocounos vivir os últimos anos da etapa anterior e os primeiros desta nova. E nesta ocasión semella que todo vai máis acelerado do que debeu acontecer nos cambios anteriores. Algúns deles cambios radicais deberon notarse logo de décadas ou mesmo séculos. Os colegas do meu tempo coincidimos en que agora en cuestión de poucos anos os cambios son realmente drásticos, cunha rapidez como nunca debeu suceder antes (se exceptuamos o do meteorito famoso, obviamente).
      Unha aperta.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos