Seguidores e seguidoras

xoves, 20 de novembro de 2025

Outra especie invasora en Ferrol: Steatoda nobilis

  Esta mañá avisáronme de que había unha araña nas escaleiras que baixan da oficina onde traballo. Empreguei a identificación de Observation para determinar a especie, pensando que sería a clásica araña caseira, ainda que de primeiras me tiña unha pinta bastante rara.

Falsa viúva negra (Steatoda nobilis)

  Por desgraza non resultou ser unha araña caseira, senón unha especie invasora (outra máis). Trátase da falsa viúva negra (Steatoda nobilis), un aracnídeo orixinario do arquipélago das Canarias que segundo Wikipedia chegou ao Reino Unido en 1870 nun cargamento de bananas. Desde aló espallouse cara a Europa continental, alcanzando na actualidade gran parte de Franza, España e Portugal. Consultei en Observation e non había máis citas na provincia da Coruña (si en Lugo ou Pontevedra). Falei co outro oráculo que teño (Don Martiño Cabana) para que revisara as bases de datos doutras webs de ciencia cidadá e resultou que xa había bastantes citas na nosa provincia. 

  Non sei qué pasa pero A Coruña semella ser a provincia máis atractiva para especies invasoras de todo tipo. Quizá polo noso clima suave e húmido, quizá por seren terra de importantes portos marítimos con enorme tránsito de buques procedentes de todo o mundo ou quizá pola nosa situación xeográfica, o estremo NW peninsular, pero o problema das invasoras na Coruña é algo tremendo.

   O nome vulgar venlle do "parecido razonable" coa auténtica viúva negra das que existen varias especies (Lactrodectus spp). A súa picadura non é tan perigosa mas ten certo perigo tamén; pola dor (semellante á picadura dunha vespa) e polos efectos secundarios, que mesmo poden derivar en morte. Nalgún sitio lín que non tanto polo veleno en si, senón por certas bacterias que adoitan aparecer.

Falsa viúva negra (Steatoda nobilis)

  Tomei unhas fotos rápidas co telefone móbil e quedaron bastante fóra de foco. O exemplar foi eutanasiado por un compañeiro que lle ten fobía ás arañas. Eu non llo impedín, neste caso.

2 comentarios:

  1. Boas noites Xabier,
    Eu descubrín fai uns anos esta especie da mesma forma que ti, de casualidade, e dende aquela, véxoa por todas partes. A mín xérame certo respeto sobre todo a súa natureza sinantrópica e o feito de que é máis perigosa que todas as arañas autóctonas, residentes dos nosos fogares. Estiven lendo un artigo en Science sobre esta especie na que destacan que a principal diferencia no seu veleno é que é máis efectivo matando células. Ademais posúe certa diversidade de bacterias oportunistas nos seus quelíceros. Estas bacterias atopan un nicho ideal de proliferación nas células mortas polo veleno. Por iso resulta máis perigosa para os humanos. É incrible a cantidade de especies invasoras coas que convivimos diariamente.
    Un saúdo.
    Alén Espiña

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas por comentar e pola info, Alén. Moi interesante. E vaia "canteira" que ten o G.N. Hábitat con esta nova xeneración de naturalistas!
      Un abrazo, rapás.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos