Onte apatecía facer unha saída chula. O prognóstico meteorolóxico para a Terra Chá garantizaba bancos de néboa, así que escollín a ría de Ortigueira. Mira ti.
Ría de Ortigueira cuberta pola néboa
Tiña planificado un itinerario que me permitise censar as principais especies pero hubo que "desplanificar" e improvisar unha alternativa rápida, porque a preamar era ás 11,00 h. Cando menos no Cabalar a néboa xa levantara para daquela, aínda que non é un sitio doado para principiantes. As aves están lonxe e, moi frecuentemente, cunha luz horrible.
Cullereiros e limícolas no Cabalar
Quizá resulta máis difíl cando as aves están na lámina de auga
Para que vos fagades unha idea isto é o que se ve, máis ou menos, a través dos binoculares. Non é que a foto sexa mala; é tal cual se ve. E esas aves hai, non só que contalas, senón segregalas por especies (co telescopio, claro).
Limícolas con grande dificultade para o reconto
Tamén hai momentos en que sae o sol, ou en que as aves se xuntan mellor. Un pequeno truco é que logo dunha espantada xeral (por un barco, un can ou un falcón), as aves tenden a pousarse por grupos monoespecíficos. Non sempre, pero moitas veces pousan segregadas. Hai que aproveitar eses momento antes de que se volvan mesturar polo intermareal.
Cando tes moita experiencia tamén axuda un pouco a localización dos bandos, aínda que non é unha ciencia exacta. No Cabalar os phaeopus e os lapponica gostan da beira norte da barra. Arquata e limosa adoitan quedar na parte sur da barra. Onte os squatarola fiaron mesturados cos alpina na parte máis interior.
Cullereiros (Platalea leucorodia). Distancia: uns 500 m
OM-1 + Zuiko 300 f:4 ISO:200 V:1/500 F:6,3
Deixámonos de literatura e pasamos ás matemáticas, cos datos recollidos no censo parcial de onte na ría (Mera/San Clodio/Lagarea/Ortigueira e Cabalar):
- 65 Culleretes boreais (Spatula clypeata)
- ++ Asubións comúns (Mareca penelope). Imposíbeis de censar. Logo conto por qué
- 122 Lavancos reais (Anas platyrhynchos). 97 deles en Mera
- ++ Patos rabilongos (Anas acuta)
- 280+ Cercetas eurasiáticas (Anas crecca) descansando en augas abertas
- 2 Mourelos eurasiáticos (Melanitta nigra)
- 151 Lampareiros eurasiáticos (Haematopus ostralegus)
- 142 Píldoras cincentas (Pluvialis squatarola)
- 1 Píllara real (Charadrius hiaticula)
- 127 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 407 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 83 Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
- 114 Fuselos de rabo negro (Limosa limosa)
- + Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos). N.C.
- + Biluricos comúns (Trinta totanus). Non atopei o repousadoiro de preamar (quizá en Feás, onde se vía "ambientillo") ou Ladrido
- 32+ Biluricos pativerdes (Tringa nebularia). Idem
- 2+ Pilros grosos (Calidris canutus)
- 205 Pilros comúns (Calidris alpina). Nun segundo reconto saían 210, poucos en calquer caso. Levaba meses sen ir por aló e non controlo a situación actual da sp (habería que mirar Ladrido)
- 74 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)
- 35 Garzas brancas pequenas (Egretta garzetta). Qué baixón pegou este bicho, mimá...
- 4+ Garzas brancas grandes (Ardea alba)
- 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) tipo femia, como case sempre
Mazaricada variada
OM-1 + Zuiko 300 f:4 ISO:200 V:1/640 F:8
En primer termo píldoras (P. squatarola) e pilros (C. alpina)
OM-1 + Zuiko 300 f:4 ISO:200 V:1/500 F:8
Mazaricos (Numenius spp), fuselos (Limosa spp) e outras cousas. Distancia: uns 500 m
OM-1 + Zuiko 300 f:4 ISO:200 V:1/500 F:8
Tiña pensado contar os rabilongos e asubións, mas foi imposíbel. Primeiro a néboa e logo o forte reflexo do sol na auga impedírono.
Anatídeas na ría central
Pero onde estaba todo o mogollón era pouco recomendábel ollar através do telescopio, a risco de perder a retina (é malísimo mirar por unha lente onde dá o sol).
Bon, dentro duns días comezan os censos de aves acuáticas en toda Europa. Espero que os censadores e censadoras teñan sorte coa meteoloxía, coas mareas... e coas aves.











Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos