Seguidores e seguidoras

luns, 8 de decembro de 2025

Lagoa de Valdoviño; "visita express"

  Onte pola tarde achegueime un momento ata a lagoa por aquilo de seguir de probas co novo tele, aínda que a primeira foto foi co obxectivo curto, lóxicamente.

Anatídeas no sector norte da lagoa
OM-1 + Panasonic 14-42  f:5,6   ISO:400   V:1/200    F:6,3

   A esas horas hai sempre unha luz malísima, cando o sol está a baixar. Se somamos tempo de borrasca pois moitas aves vense case negras. 

Culleretes boreais (Spatula clypeata) no centro da imaxe
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4    ISO:1600   V:1/400    F:5

  Non levei máis óptica que a cámara e non contei. Si notei que había máis patos ca última vez. Así a ojímetro digamos que uns 300 lavancos reais, o típico cento de patos cincentos e as habituais especies menos abondosas en número (culleretes, parrulos, etc). Animeime a contar as cercetas eurasiáticas co Zuiko nun momento en que se xuntaron todas: 170+.

  As aves están moi afeitas á presenza humana pola ribeira do paseo, ou polo areal, se as persoas non se achegan demasiado (por iso é tan doado fotografar aquí). Sen embargo entran en pánico cando se achega un can, por veces mesmo que vaia atado. Onte chegou unha parella con dous cans, ún deles solto, e asustaron todo. Menos mal que non estaba censando, coma me ten pasado tantísimas veces desde que empezou a candemia.

Cercetas (Anas crecca) e outras anatídeas fuxindo dun can (toma moi aclarada con Lightroom)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4    ISO:1600   V:1/800    F:5

  Cos que non podo é cos virapedras. Dá igual a óptica que empregue. De cada dez fotos que lles tomo, nove non valen para nada. Descoñezo o motivo pero non acabo de tomarlles "fotos redondas", e iso que son aves moi mansiñas, observábeis a  tres ou catro metros de distancia. Quizá é que cando se achegan tanto custa moito coller foco, pois non paran quietos. Pero non podo con eles.

Virapedras comúns (Arenaria interpres)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4    ISO:1600   V:1/250    F:4,5

   Levaba media hora na lagoa, comecei a ver o ambiente que había e xa decidín marchar para non discutir cos de sempre. Señor, dame paciencia....

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos